Día dos Museos 2020 | Igualdade, diversidade e inclusión

O 18 de maio festéxase internacionalmente o Día dos Museos, que este ano ten como lema: Igualdade, diversidade e inclusión. Na Cidade da Cultura queremos lembrar todos eses proxectos expositivos que acollemos ao longo da existencia do Museo Centro Gaiás  e que estiveron  fiados con estas tres marabillosas, revolucionarias e imprescindibles palabras, que deberan estar no cerne de calquera actuación e acción, e non só no eido cultural.

O programa expositivo do Museo Centro Gaiás acolleu diversas mostras que tiveron como centro o ser humano, contemplando diversas realidades e as súas desigualdades económicas e socias. A viaxe da mostra ao Orinoco da colección etnográfica da Fundación Cisneros amosaba os modos de vida destes pobos indíxenas unidos a un profundo coñecemento da natureza; o pragmatismo que isto lles outorga non esquece o pensamento e sabedoría que puidemos ver reflectidos nas súas manifestacións artísticas, artesanais e expresións da súa espiritualidade. 

As fotografías de José Suárez leváronnos a latitudes e xentes afastadas, desde A Pampa ata O Xapón, pero tamén captou con aires de vangarda a dignidade de moitos galegos e galegas que vivían en difíciles condicións e da que supón un magnífico exemplo a súa serie de Mariñeiros nos albores do estalido da Guerra Civil. 

A ollada humanista de Baldomero Pestana captou para sempre os e as máis desfavorecidas en Perú, destacando unha fotografía social en Lima, nas que sobrecollen as imaxes de Villa Miseria, pero que tamñen levou a cabo noutros lugares do país e sempre con esa perspectiva.

De volta a Galicia, unha mostra como Cinegalicia25 achegounos ás reflexións identitarias, especialmente latentes nas distintas realidades do rural galego; desde unha identidade ensoñada baseada en prototipos costumistas  ideada por Chano Piñeiro, ao folclorismo, tradición e lendas que describen filmes coma 'Urxa' de Carlos A.L. Piñeiro e  Alfredo Gª Pinal. As longametraxes destes directores, xunto a 'Continental' de Xabier Villaverda, arrancan en 1989 o que xa se pudo denominar como cinema galego.

Nese percorrido de fóra cara dentro, desde América Latina a Galicia, pasando por outros recantos do mundo a exposición Castelao Maxistral --ademais da achega á unha das grandes iconas culturais e históricas para todas e todos os galegos-- amósanos a crúa realidade da emigración forzosa que supuxo a Guerra Civil, ao tempo que nos describe en imaxes os desastres e traxedias que quedan maxistralmente narradas na súa  pintura 'A derradeira leición do mestre'.

Galicia, un relato no mundo volve pór o aceno nesa emigración a América e Europa movida tamén polas necesidades económicas e vitais de supervivencia e abrenos a fiestra á dicotomía do encontro e choque entre culturas moi diferentes, a ese intercambio, moi duro e ao tempo enriquecedor a nivel cultural e humano.

Pero a mostra tamén viaxa no tempo cara ao pasado e indaga nas nosas relación con outros territorios ao longo da historia. Analiza a situación da periferia cunha mirada positiva e atópanos en confíns do imperio romano e nesa ponte entre as relación entre o Mediterráneo e o Atlántico.

Danos a coñecer personaxes que fundamentaron a nosa construcción histórica, estranxeiros que nos puxeron no mapa como Exeria ou figuras como Paio Gómez de Soutomaior que viaxou ata os dominios do Grande Tamerlán na Asia Central, o Conde de Lemos e o seu refinamiento obtido en Italia que o converteu en gran mecenas, ou o importante papel do Conde de Gondomar como embaixador na Inglaterra do século XVII.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h