Detrás do espello

Detrás do espello propón unha visión de Galicia a través da ollada de 50 recoñecidos nomes das artes, a ciencia ou o pensamento do último século e medio, homes e mulleres relevantes na historia da cultura universal que afondaron na realidade galega ou se deixaron inspirar por ela.

Ao percorrer a exposición atoparemos a pegada de Galicia na vida ou na obra de García Márquez, Albert Einstein, Miles Davis, Ernest Hemingway, Luis Buñuel, Federico García Lorca, Julio Cortázar, Mike Oldfield, David Chipperfield, Anna Turbau ou Isabel Coixet, entre outros moitos. 

O proxecto está comisariado polo xornalista, comisario e xestor cultural Xosé Luís García Canido e o escritor, músico, produtor e director audiovisual, Antón Reixa. A mostra componse dunhas 300 pezas, a meirande parte delas documentos, carteis, fotografías, cartas ou manuscritos, incluíndo tamén unha vintena de audiovisuais e unha reducida escolla de obxectos simbólicos, como a gaita e o Premio Grammy de Paddy Moloney ou unha instalación do artista Hamish Fulton.

Un relato de Galicia en 50 olladas

Á pregunta de onde está Galicia na súa obra, o premio Nobel Gabriel García Márquez respondía que “na forma de contar en cada unha das miñas novelas”. Detrás do espello proponse atopar esas revelacións “alleas” do noso país, pero que conformaron e complementaron tamén a nosa realidade e o noso imaxinario colectivo ao longo dos séculos. A mostra convida a descubrir así unha ollada –e unha forma de mirar– distinta sobre a paisaxe, os mitos, a arquitectura ou a literatura galegas e afondar en autores foráneos que imaxinaron, construíron ou proxectaron Galicia na súa obra. Medio centenar de figuras internacionais compoñen esta mostra caleidoscópica:

Amenábar, Alejandro
Anderson Ruth Matilda
Behrens, Tim
Berger John / Marisa Camino
Borges, Jorge Luis
Buñuel, Luis
Buren, Daniel
Chevalier, George
Chipperfield, David
Coixet, Isabel
Cortázar, Julio
Cuerda, José Luis
Dieuzaide, Jean (Yan)
Ebeling, Walter
Einstein, Albert
Ferreira da Cunha, Celso
Fulton, Hamish

García Lorca, Federico
García Márquez, Gabriel
García Rodero, Cristina
Gil, Rafael
Greene, Graham
Hawking, Stephen
Hemingway, Ernest
Henningsen, Gustav
Herrero, Gerardo
Leite de Vasconcelos, José
León de Aranoa, Fernando
Lomax, Alan
Lupo, Rino
"Man" – Gnädinger, Manfred
Meiselas, Susan
Moloney, Paddy
Morris, Robert

Nooteboom, Cees / Sassen, Simone
Oldfield, Mike
Ramón y Cajal, Santiago
Rodrigues Lapa, Manuel
Rodríguez Alonso, Luis
Rückriem, Ulrich
Salgado, Sebastião
Schubart, Dorothé
Sekula, Allan
Soler, Llorenç
Stöhr, Hannes
Suárez, Gonzalo
Tavani, Giuseppe
Turbau, Anna
Val del Omar, José
Van Vliet, Ton
Zweig, Stefan

A pegada de Galicia na cultura universal

En Detrás do espello, o público pode contemplar por vez primeira pezas históricas como o chifre de José María Rodríguez, un anónimo capador de Nogueira de Ramuín que nos anos 50 foi gravado polo folclorista estadounidense Alan Lomax e que inspiraría a Miles Davis para a súa peza The Pan Piper, incluída no álbum Sketches from Spain. Este pequeno chifre de madeira foi cedido, ao igual ca o instrumental de traballo de Rodríguez, pola súa familia e nunca antes fora exposto.

Tamén forman parte da selección da mostra algunhas das primeiras imaxes en cor que se conservan de Galicia, tomadas en 1917 polo fotógrafo francés Georges Chevalier para o proxecto do Arquivo do Planeta impulsado polo banqueiro e mecenas Albert Khan, ou obras icónicas como o diario manuscrito no que o escritor austríaco Stefan Zweig dá conta da súa visita a Vigo pouco despois do golpe franquista, por vez primeira en España.

Fotografías históricas doutros grandes nomes da literatura que visitaron Galicia, como Lorca, García Márquez, Cortázar ou Graham Greene, audiovisuais asinados por Isabel Coixet, León de Aranoa ou José Luis Cuerda, fotografías de Sebastião Salgado, Susan Meiselas, Cristina García Rodero ou Anna Turbau —quen nos anos 70 se internou de xeito clandestino no Hospital Psiquiátrico de Conxo e relatou en imaxes as condicións das persoas internadas— están tamén incluídas nesta exhibición.

Comisariado

Xosé Luís García Canido é xornalista e filólogo, cunha extensa traxectoria profesional arredor da comunicación e a xestión cultural. Traballou e colaborou en medios como ABC, El País, La Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Diario 16, entre outros. Foi director xeral da Fundación SGAE, director de Cultura do Instituto Cervantes ou responsable de Exposición do Círculo de Bellas Artes de Madrid. Comisariou, concibiu ou coordinou máis de 400 exposicións.

Antón Reixa, moi coñecido pola súa faceta como cantante e letrista de Os Resentidos, é tamén produtor e director de obras audiovisuais como Mareas Vivas ou O lapis do carpinteiro. Moi activo no mundo da poesía desde os anos 70 co Grupo Rompente, ten publicados numerosos poemarios, obras de narrativa e textos teatrais. En 2021 foille concedida polo Goberno español a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h