O Sistema de Comunicación por intercambio de imaxes (PECS) foi desenvolvido en 1985 como un sistema de comunicación alternativa e aumentativa e que ensina aos nenos e adultos con TEA e outros trastornos a iniciarse na comunicación. A asociación Aspanaes durante tres anos ofertou no seu Servizo de Formación, o PECS nivel 1, lanzando este ano o PECS nivel 2. Para obter a Certificación PECS nivel 2, Pyramid esixe estar en posesión da acreditación do curso de PECS nivel 1.
Para isto, a Escola de Formación Aspanaes organiza un curso de dúas xornadas que se realizará o 7 e 8 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia. A formación céntrase nun repaso a fondo de como implementar cada unha das fases do PECS, os problemas de implementación e as estratexias de solución de problemas máis avanzadas. Explórase ademais a incorporación da comunicación, linguaxe avanzada e a implementación de PECS.
PECS foi creado por educadores e pensado para utilizalo en servizos públicos e contornas familiares. O sistema tivo éxito con nenos, adolescentes e adultos que manifestaron dificultades comunicativas, cognitivas e mesmo físicas, tamén de caracter grave. O sistema é especialmente exitoso se se combina con elementos da análise da conduta. O manual ofrece varias suxestións sobre como avaliar os reforzos, estratexias de ensino específicas, como desvanecer as axudas e outros temas igualmente importantes. Os autores animan aos usuarios de PECS a crear contornas que promovan e aumenten as oportunidades comunicación.
























