O 15 de outubro ás 19 horas no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura terá lugar o encontro Conexões-Conexións, un evento en forma de coloquio que reunirá a mozas e mozos de diferentes nacionales para debater sobre a proxección e utilidade do galego no marco internacional.
Organizado pola Rede de Dinamização Linguística en colaboración coa asociación Juventude Unida dos Países de Língua Portuguesa, o encontro pretende mostrar o territorio da lusofonía como un espazo de oportunidades para a xuventude a nivel laboral, formativo, artístico e cultural, ao tempo que presenta o galego como unha ferramenta útil e atractiva para conectar con esta parte do mundo.
Participarán no coloquio Diego Garcia, de Portugal, Denilson Costa, de São Tomé e Príncipe, Manuel Simón Nóvoa, de Galicia e Josianny Furtado, de Cabo Verde, moderados por Charo Lopes. Trátase dunha reflexión colectiva dirixida e liderada pola xuventude e encamiñada a crear pontes coa lusofonía e descubrir as oportunidades que ofrece a integración neste espazo lingüístico do galego e as súas achegas a esta comunidade.
Este proxecto realízase ao amparo da Lei Paz-Andrade, aprobada por unanimidade en 2014 no Parlamento Galego para afondar no uso da lingua portuguesa e nos vínculos cca lusofonía, e conta con financiamento do Fundo TeCe Redes promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.























