Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia

Unha viaxe á infancia —pensada tanto para público adulto como para a cativada— e un convite a ser testemuñas de como se plasmou a infancia no cinema ao longo dos seus máis de cen anos de historia. É a proposta da mostra que La Cinémathèque française e a Fundación ”la Caixa” —en colaboración coa Xunta de Galicia e no marco do Xacobeo 2021— presentan na Cidade da Cultura, e que permite ao público experimentar as emocións tal e como as vivimos durante os nosos primeiros anos de vida.

Compoñen a exposición fragmentos de películas de diferentes xéneros, épocas e latitudes, ademais de debuxos, storyboards, fotografías de rodaxe, carteis, maquetas ou obxectos senlleiros como un sombreiro e dúas pipas do director francés Jacques Tati, unha estatua de King Kong de máis de dous metros, ou unha vasoira Nimbus 2000 do filme Harry Potter e a pedra filosofal. As pezas proveñen das coleccións de La Cinémathèque française, que se contan entre as máis ricas do mundo no ámbito cinematográfico, así como dos fondos persoais dalgúns cineastas e coleccionistas.

 

A mostra danos a oportunidade de revisitar filmes inesquecibles como Alicia no país das marabillas, Os 400 golpes, O meu veciño Totoro, Tempos modernos, Monstros S.A., Cinema Paradiso, O ladrón de bicicletas, Toy Story, Parque Xurásico, Mary Poppins ou os galegos A lingua das bolboretas, de José Luís Cuerda, e Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe.

Dividida en sete seccións —Alegría, Rabia, Risa, Bágoas, Medo, Valentía e Ilusión—, a exposición empúrranos a revivir as emocións que sentimos ao longo da nosa vida, pero ás que nos enfrontamos por primeira vez durante a nenez con especial intensidade, e como éstas se representan no cinema.

A mostra desvela tamén os misterios da creación cinematográfica e as súas formas de xerar fascinación e crear ese mundo ilusorio, co que a viaxe é dobre: cara aos días da nosa propia infancia e cara aos segredos da produción cinematográfica. Ao rematar a visita, descubriremos que tan abraiantes son as ferramentas coas que traballa o cinema, como xenuínas as emocións que é quen de espertar.

 
Exposicións
 
26 Out 2021- 31 Mai 2022
De 9 a 21 horas
11 Mar - 29 Mai 2022
De 10.00 a 20.00 horas
1 Abr - 7 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
8 Abr - 28 Ago 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 h
5 Mai - 28 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
20 Mai - 20 Xul 2022
De martes a domingo | De 11 a 14 h e de 16 a 21 h
20 Mai - 4 Set 2022
Museo do Mar de Galicia | Vigo