O Instituto Galego do Viño (INGAVI), entidade residente no Viveiro de empresas do Gaiás, foi elixido por Ferrán Centelles para facer a selección dos mellores viños galegos para Jancis Robinson, Master of Wine e crítica de viños de fama mundial. O INGAVI conformará para a ocasión unha lista pechada de 50 viños de Galicia, que serán coidadosamente seleccionados polo seu director, Xoán Cannas. Esta encomenda sitúa ao INGAVI, unha vez máis, como parte da elite mundial do viño e recoñece a súa traxectoria nacional e internacional.
O evento privado no que se estudarán os viños seleccionados terá lugar o domingo, día 13 de maio, en Santiago de Compostela. Trátase dunha cata a cegas exclusiva de carácter privado, organizada polo INGAVI e dirixida por Ferrán Centelles, colaborador de viños en España para Jancis Robinson e unha das personalidades con máis peso dentro do panorama vinícola mundial.
Unha vez finalizada a cata privada, esa mesma tarde, o INGAVI convidará os seus alumnos e antigos alumnos a probar as 50 referencias seleccionadas e pór en valor o gran traballo dos últimos anos en Galicia nun acto no que participarán os adegueiros dos viños catados e o propio Ferrán Centelles.
























