O Gaiás convoca a 80 cidadáns a un proxecto de obradoiros artísticos con Chelo Matesanz, Melania Freire, Lula Goce e Carolina Cruz Guimarey

Obradoiros artísticos
Santiago de Compostela, 29 de Marzo de 2016

A Cidade da Cultura convoca a oitenta cidadáns a participar nun proxecto de creación artística que terá lugar no marco da exposición Con-fío en Galicia e que se organizará en forma de obradoiros dirixidos por catro artistas contemporáneas: Chelo Matesanz, Melania Freire, Lula Goce e Carolina Cruz Guimarey, coordinados por Neves Seara e Andrea Barreira. O ciclo, co título de Arte é Moda, incluirá tamén unha actividade o sábado 21 de maio con motivo do Día dos Museos.

Cada unha destas catro artistas guiará un obradoiro, que se celebrarán os domingos 17 e 24 de abril e 8 e 15 de maio en horario de mañá e tarde. Ao longo dos obradoiros, os participantes experimentarán en torno aos conceptos de moda e arte, e o resultado dos seus traballos exhibirase no Museo Centro Gaiás onde poderán visitarse ate o remate da exposición o 11 de setembro. A participación está aconsellada para maiores de 15 anos e ten un custe de 10 euros.

Disfraces e símbolos

EL TIENEUNALGO de NOSÉQUÉ de Chelo Matesanz será o primeiro destes obradoiros, onde os participantes experimentarán en torno á idea de disfraz, non só na festa de Entroido, senón disfraz entendido como metamorfose, como transformación individual e colectiva. Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964) é profesora de Pintura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e ten un intensa traxectoria creativa cunha vintena de exposicións individuais e máis dun cento de colectivas, tanto nacionais como internacionais.

O domingo 24 de abril será o momento de Melania Freire con Facer e Ser. Recreación de identidades contemporáneas a través do téxtil, obradoiro no que se traballará coas pezas téxtiles tradicionais que forman parte do cotián na cultura popular galega (mantas, panos...). Melania propón abordalos na súa categoría de símbolo e convidará aos participantes a xerar as súa propia simboloxía contemporánea a través de superposición de pezas sobre o seu corpo de xeito independente aos usos que tiveran esas pezas anteriormente. A experiencia rematará cun retrato fotográfico. Melania Freire (Lugo, 1991) é Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e destacouse polo seu traballo creativo en torno ao pano galego, sendo comisaria de ‘Do tecer. Miradas sobre o téxtil’. 

Lula Goce será a encargada de conducir Corpo. Gramática do efémero o 8 de maio, obradoiro onde os participantes crearán unha instalación inspirada no concepto de pel como envoltorio último do corpo, como lugar onde se imprimen toda unha serie de pegadas a modo de cartografía persoal. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, Lula Goce (Baiona, Pontevedra, 1976) emprega a linguaxe do debuxo nos seus traballos, nos que a representación do corpo humano ten un protagonismo especial. 

Os meus brazos eran árbores, as montañas soños é o título do obradoiro que Carolina Cruz Guimarey dirixirá o 15 de maio. Os elementos naturais (terras, follas, ramas, plumas...) serán os materiais cos que traballarán os participantes para crear imaxes poéticas e máxicas que darán como resultado fotografías que se exporán no Museo. Licenciada en Publicidade pola Universidade de Vigo, Carolina Cruz Guimarey (A Coruña, 1981) desenvolve un traballo no que a fotografía dialoga coa performance e a instalación para falarnos da vulnerabilidade e dunha utopía de serenidade e silencio. 

Día dos Museos

O próximo sábado 21 de maio, Neves Seara e Andrea Barreira, responsables de Aire centro de Arte, organizarán un obradoiro no que todos os participantes que acudan ás actividades programadas con motivo do Día dos Museos poderán ir tecendo as súas propias creacións ao longo de varias estruturas nas que deixar a súa impronta. 

O ciclo Arte é Moda forma parte do programa de actividades organizada con motivo da exposición Con-fío en Galicia, inaugurada o pasado 11 de marzo no Museo Centro Gaiás e que se pode visitar de balde ata o 11 de setembro. Nesta mostra, comisariada por Miguel Anxo Seoane, preséntase a historia do téxtil e da moda en Galicia, desde a Prehistoria ata o grupo Inditex.