Lula Goce propón abordar desde unha ollada poética o concepto de pel como envoltorio último do noso corpo, como un lugar onde se imprimen toda unha serie de pegadas a modo de cartografía persoal. Para iso, os participantes crearán unha instalación inspirada na vinculación que as capas de pel teñen co espazo, en concreto coas improntas que deixa o paso do tempo. Debuxos automáticos, debuxos elaborados, tatuaxes, textos, garabatos… todo aquilo que dun modo catártico sae das nosas mans e se imprime en papel dará lugar a unha grande estrutura ósea que quedará suspendida no espazo, como se dunha porción das nosas vidas se tratase.
Lula Goce (Baiona-Pontevedra, 1976). Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de Pintura; Doutorada e Máster en Belas artes pola Universidade de Barcelona; Técnica en Ilustración pola Escola de la Dona de Barcelona e técnica en deseño gráfico polo Centro Pauta Formació de Barcelona. Esta artista, que emprega fundamentalmente a linguaxe do debuxo, foi quen de deseñar fermosas instalacións nas que o papel e a repetición teñen moita relevancia. Nos seus murais e debuxos predomina o corpo humano e, en moitos casos, o corpo espido aparece invadido pola natureza.







