Facer e Ser. Con Melania Freire

As pezas téxtiles tradicionais que formaron parte do cotián na cultura popular galega (mantas, colchas, panos…) son o eixe sobre o que xira Facer e Ser. Melania Freire propón abordalos na súa categoría de símbolo e de elemento de comunicación e identificación social e individual nun contexto contemporáneo. Para isto, convida aos participantes a que xeren as súas propias simboloxías a través da superposición de pezas sobre o seu propio corpo, de xeito independente aos usos e significados que tiveran esas pezas téxtiles anteriormente. A experiencia remata nun retrato fotográfico onde se porán de relevo non só cuestión relativas ao símbolo, senón á forma, ao rito e á experiencia sensible a través do táctil.

Melania Freire (Lugo, 1991). Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e titulada en Deseño Téxtil e Moda pola Esdemga. Nova, creativa e implicada socialmente, Melania Freire ten realizado un proxecto moi amplo sobre o pano galego e os seus usos. Ademais de participar en diversas exposicións colectivas, Melania encargouse do comisariado Do tecer. Miradas sobre o téxtil na arte contemporánea realizado na Galería Metro de Santiago de Compostela ou a mostra individual Estado crítico 3, na Sala Alterarte do Campus de Ourense.