Todos somos artistas. Baixo esta premisa, a Cidade da Cultura -da man de Aire centro de Arte e no marco da exposición Con-Fío en Galicia- pon en marcha a iniciativa Arte é Moda, unha serie de obradoiros nos que recoñecidas artistas e novas creadoras como Chelo Matesanz, Melania Freire, Lula Goce e Carolina Cruz Guimarey convidarán a reinterpretar os conceptos de deseño, moda e téxtil, e tecer, así, novos espazos no Museo Centro Gaiás.
Arte é Moda, que terá lugar entre o 17 de abril e o 15 de maio, faranos descubrir que todos levamos dentro a capacidade de crear. Así, as pezas resultantes dos diferentes obradoiros pasarán a vestir diversos espazos do Gaiás, dando lugar a unha mostra efémera que complete o discurso da exposición Con-Fío en Galicia.
Programa
17 de abril | El TIENEUNALGO de NOSÉQUÉ. Con Chelo Matesanz.
24 de abril | Facer e Ser. Recreacións de identidades contemporáneas a través do téxtil. Con Melania Freire.
8 de maio | Gramática do Efémero. Con Lula Goce.
15 de maio | Os meus brazos eran árbores, as montañas soños. Con Carolina Cruz Guimarey.
21 de maio | Día dos Museos. Con Neves Seara e Andrea Barreira.