Para celebrar o día internacional da matrona, a Asociación Galega de Matronas (AGAM), organiza este ano a xornada “Mulleres e matronas: unha vida xuntas”. A asistencia é gratuíta previa inscrición, e con ela a AGAM propón un encontro entre matronas e mulleres, coa intención de reflexionar sobre o papel da matrona na nosa sociedade.
As matronas acompañan ás mulleres durante a adolescencia, maternidade, crianza e menopausa, en definitiva, durante toda a súa vida sexual. A súa labor lévana a cabo normalmente nos centros de saúde e nos hospitais, máis tamén na propia comunidade e mesmo no domicilio das mulleres.
Abrirá o programa Yolanda Dominguez, artista visual e experta en comunicación e xénero, que falará sobre “Cambiar as imaxes para cambiar o mundo”. Despois contarase coa presentación da exposición MM“My mom did it” de Marisa Martorell, matrona e artista. E por último, celebrarase a mesa redonda “Encontro de mulleres e matronas”, no que participarán representantes das asociacións ACADAR -Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia, AGAM, EPEN - El parto es nuestro, Galicia Entende – colectivo de mulleres lesbianas, FEMURO - Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense e QuerENDO – mulleres con Endometriose.
A AGAM convida a matronas e mulleres de toda Galicia a participar nesta xornada, para o que deberán reservar praza antes do luns 30 de abril no teléfono 981160063 ou no enderezo electrónico comunicacion@matronasgalegas.org. A asistencia á xornada é gratuíta para familias e matronas, asociadas ou non. As matronas que desexen participar da comida de confraternización, deben facer a inscrición a través da web, cun custe de 15 €/persoa para non asociadas e 5€/persoa para as asociadas e residentes.
Máis información e inscricións no web da AGAM. Pódese consultar nesta ligazón o programa da xornada.
























