A Cidade da Cultura acolle do 22 de novembro ao 4 de decembro unha mostra dos proxectos finalistas da especialidade de moda do programa Xuventude Crea 2016, convocado pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
As seis coleccións finalistas están compostas por cinco pezas cada unha delas confeccionadas por seis mozos e mozas: "From them", "Kasimir", "Cenicienta", "Sr. Rilke", "Margoc" e "Lisca".
O programa Xuventude Crea ten como obxectivos fundamentais que os mozos e mozas poidan manifestar a súa inquedanza artística e cultural, ao mesmo tempo que se fomenta a creatividade xuvenil. Nesta iniciativa poden participar mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2016.
O programa Xuventude Crea conta con 12 especialidades: teatro, cociña, artes plásticas (pintura e escultura), fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda e deseño de xoias. Os premios nas 12 especialidades serán de 3.000 euros para os gañadores; 1.500 euros para os segundos; e 1.000 euros para os terceiros. Tamén poden darse mencións de honra, sen dotación económica.
























