Artesanía no Prato púxose en marcha no ano 2013 e está dedicada a xerar unha interrelación entre Artesanía de Galicia e a cociña galega máis vangardista, de xeito que os chefs máis destacados se convertan en abandeirados e promotores da marca.
O proxecto foi unha iniciativa que comezou na segunda edición do Corazón da Artesanía, encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra en Agolada, grazas á colaboración de cociñeiros do Grupo Nove que comezaron a empregar pezas da marca nos seus showcookings. No ano 2017, a Fundación Artesanía de Galicia fortaleceu a súa aposta a través da celebración das Primeiras Xornadas Profesionais de Artesanía no Prato, que tiveron continuación no ano 2019 coa segunda edición, converténdose no punto de referencia para a colaboración entre ambos os dous sectores. Froito destes anos de traballo están a xurdir proxectos de colaboración entre artesáns e cociñeiros que cada vez son máis numerosos.
En novembro de 2021 chega a terceira edición destas xornadas profesionais co obxectivo de evidenciar o valor da artesanía no ámbito da hostalería e da restauración. Este evento ofrecerá o escenario perfecto para revisitar elementos tradicionais da nosa artesanía, que se porán agora ao servizo da gastronomía incentivando novos proxectos de colaboración no ámbito do deseño de produto.
























