Os incendios forestais constitúen unha das perturbacións máis frecuentes e importantes que sofren os ecosistemas forestais en Galicia. E supoñen unha gran ameaza para o patrimonio natural (vexetación, fauna, chan, etc.) e para o tecido socioeconómico (infraestruturas, economía, paisaxe, etc.) do medio rural galego. Nesta xornada exporanse alternativas e oportunidades para a recuperación destes ecosistemas desde a óptica da restauración ecolóxica. Desde unha visión holística da problemática, abordaranse aqueles aspectos que poden axudar á recuperación dos procesos ecolóxicos daqueles ecosistemas danados ou destruídos polos incendios.
Obxectivo da xornada: Introducir ao alumnado no campo da restauración ecolóxica de espazos degradados por incendios forestais, facendo especial énfase nas accións urxentes de mitigación en Galicia.
Destinatarios: Xornada dirixida a técnicos do campo das ciencias ambientais e afíns (enxeñeiros forestais, agrónomos, biólogos, xeólogos, paisaxistas, etc), así como a todo aquel público interesado na temática.
























