A Axencia de Coñecemento en Saúde ( ACIS) e o Servizo Galego de Saúde poñen en marcha a primeira edición da xornada “Fronteiras da Innovación Sanitaria 2019”, co fin de mostrar os avances reais da innovación no territorio (Código 100), difundir as oportunidades existentes en Compra Pública de Innovación a nivel rexional, nacional, europeo e mesmo internacional e ser o altofalante doutras iniciativas que se pretendan impulsar desde ACIS e o SERGAS. Ademais, este espazo pretende ser un encontro discusión e intercambio de experiencias e novas ideas sobre a innovación sanitaria entre os profesionais do sector (entidades públicas e privadas, emprendedores e demais expertos de primeiro nivel).
12 e 13 de decembro
O 12 de decembro (en Cidade da Cultura, Santiago de Compostela | Auditorio 1 do edificio CINC) terá lugar a presentación do InnovaIUS.Lab, proxecto financiado pola Fundación COTEC así como a presentación da Rede Living Labs de Saúde, ademais da primeira convocatoria de Living Lab ( LABSAÚDE). Doutra banda presentaranse os proxectos FID Saúde en España e outros programas de CPI de referencia nacional con expertos de primeiro nivel de COTEC e CDTI. Por último terá lugar a presentación dos primeiros resultados de innovación en Código 100.
O 13 de decembro (en Cidade da Cultura, Santiago de Compostela | Auditorio 1 do edificio CINC), tras a inauguración por parte do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a ex-Ministra de Ciencia e Innovación-do Goberno de España e Presidenta da Fundación COTEC, Cristina Garmendia, contaremos coa participación de Daria Tataj, Asesora europea en innovación e outros relatores de primeiro nivel nacional que tratarán o papel da innovación en saúde, así como o futuro das políticas de ciencia e innovación a nivel nacional, europeo e internacional. Seguidamente celebraranse mesas redondas onde se debaterán as principais tendencias e os retos da colaboración entre servizos de saúde e a industria española.

























