Co gallo do Día das Letras Galegas 2022, volve á Cidade da Cultura a VIII Carreira Camiño das Letras, organizada por Xurdir coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Esta competición deportiva terá lugar o martes 17 de maio en Santiago de Compostela e Boqueixón co obxectivo de unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras Galegas e co simbolismo do Camiño de Santiago.
Os participantes poderán escoller entre dúas probas, unha de 15 Km que partirá desde o Pico Sacro, seguindo a Vía da Prata ata a Cidade da Cultura, e outra de 5 Km, tamén na contorna da Cidade da Cultura.
O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 12 de maio ás 23,59 horas e a recadación solidaria dun euro por participante estará destinada á Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Ademais, cada corredor, recibirá un libro de agasallo xunto á entrega do dorsal.




















