A compañía galega de circo Pistacatro é a organizadora do Vº Encontro D10! de Formación e Innovación en Circo que ten alcance estatal e que se desenvolve na Cidade da Cultura de Galicia. Esta cita estivo precedida pola celebración no mesmo lugar do IVº Congreso CircoRed da Federación de Asociacións de Profesionais do Circo de España. A quinta edición do Encontro D10! Desenvolverase ata o 3 de decembro co obxectivo que incidir na potenciación da produción de coñecemento, abordando o mesmo desde a interacción de tres esferas: información, contexto e experiencia. Durante a presentación do congreso, o director da Axencia galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, lembrou que segundo os propios datos do sector, Galicia conta nestes momentos cunha trintena de formacións de circo en activo e preto dun cento de intérpretes e profesionais dedicados ou especializados nesta arte. Son perfís que combinan ao longo do ano o seu traballo na produción de espectáculos con labores como formadores en distintos centros públicos e escolas.
Ademais das mesas de traballo da APCG e os obradoiros, o D10! ofrecerá tres funcións para o público xeral, que neste caso non se celebrarán na Cidade da Cultura senón en espazos da cidade de Santiago de Compostela.
Curso impartido por PAU PORTAVELLA: "PRESENCIA, DRAMATURXIA E CREACIÓN"
Obradoiro orientado a artistas de circo e ó traballo do uso da técnica circense non só para impresionar, agradar ou entreter, senón coma parte da linguaxe escénica co que o artista se expresa e se comunica.
Pau Portabella, director e dramaturgo, combina estas facetas profesionais coa formación de artistas. Os seus laboratorios de investigación baséanse no traballo da presenza escénica, a dramaturxia circense e a creación artística.
Así, entre os obxectivos do Obradoiro que impartirá durante 4 días, está:
1. Traballar as ferramentas da actriz/actor para afrontar a escena; 2. Porse en risco, superar medos, romper barreiras e sorprenderse para sair dos camiños habituais e evolucionar coma artistas; 3. Aprender a utilizar as técnicas circenses coma parte da linguaxe escénica na que o artistas se expresa e se comunica; 4. Desenvolver nova técnica e transformar a xa adquirida en dirección a crear unha técnica máis persoal para usala coma medio de expresión; 5. Usar o laboratorio para pasar por diversos exercicios que nos axuden a experimentar de xeitos diferentes; 6. Atopar novas pistas de traballo a partir do curso para creacións artísticas futuras.
- Prezo 50 € .
- Días: 26, 27, 28 e 29 de novembro.
Curso impartido por SEAN GANDINI & KATI YLÄ-HOKKALA: "Malabares e Movemento"
Nivel intermedio
Fundada en 1992 polos malabaristas de renome mundial Sean Gandini e Kati Ylä-Hokkala, Gandini Juggling continúa estando á fronte do circo contemporáneo, reinventando e revitalizando os malabares para o século XXI.
Ferozmente prolíficos, os Gandini están constantemente xerando novos traballos; dende rompedores experimentos visuais ata adestramento para toda a familia; desde escapadas de danza ata humorísticas travesuras. O xornal francés Liberation bautizounos como os “Reis dos Malabares”, dos que as súas obras son “...maravillas da orixinalidade”, mentres que The Guardian di da compañía que "os seus malabares non están só cheos de arte, senón que son arte”.
Gandini continua colaborando cun amplo abanico de artistas, dende coreógrafos de ballette a programadores informáticos; dende deseñadores de vestuarios, a escenógrafos; matemáticos a compositores. Pasaron varias temporadas traballando con orquestas sinfónicas e coreografiaron patróns malabares delicadamente entrelazados con obras clásicas.
- Prezo 50 €
- Días 30 de Novembro e 1 e 2 de Decembro
























