O 13 de xullo a Cidade da Cultura acolle a presentación da XLIX edición da Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña, unha festa gastronómica de gran repercusión en Galicia e declarada de interese turístico, que se vén celebrando o derradeiro domingo do mes de xullo dende o ano 1969.
A preparación tradicional da carne que se realiza nesta festa remóntase aos anos vinte, cando un morañés xubilado na Arxentina, xunto a un mozo arxentino, preparan varias comidas campestres nas ribeiras do río Umia, nas que asaban carneiros ao estilo “pampero”. O éxito foi rotundo e converteuse nunha tradición tipicamente morañesa ao longo dos anos pois degustábase en todas as celebracións (bautizos, vodas, festas patronais, etc.), o que motivou os responsables da Festa da Xuventude (Concello e mozos e mozas de Santa Lucía) a organizar unha festa gastronómica baseada no éxito do carneiro ao espeto como acto central destas celebracións e que co transcorrer dos anos se convertería nunha das celebracións gastronómicas de máis renome na comunidade galega, atraendo a cada vez maior número de comensais.
























