Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia

O Museo Centro Gaiás propón unha viaxe no tempo pola artesanía de Galicia, da actualidade ás orixes. Un percorrido a través de 250 pezas e da colaboración de 65 artesáns, que converte a Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia na mostra máis ambiciosa ao redor destas expresións, que forman parte do noso patrimonio cultural. Trátase dunha exposición que permitirá contemplar a evolución e pervivencia da tradición nestas tres especialidades históricas, que están na cerna da nosa sinal de identidade. 

A mostra, comisariada por Verónica Santos, contará cun orixinal e artístico formato expositivo, deseñado pola prestixiosa arquitecta Izaskun Chinchilla e que ofrece a versatilidade requirida para unha exposición, que vai ser tamén marco de obradoiros, charlas-taller, demostracións artesanais, proxeccións audiovisuais e visitas didácticas.

A viaxe ao pasado destas tres artesanías chegará ata a Prehistoria, con achados e pezas nos que se amosarán tamén as creacións e tendencias desde a Idade Media ao Barroco, aínda que esta exposición préstalles especial atención ás creacións tradicionais en cestería, cerámica e xoiería, co obxectivo de amosar a súa rica e prolífica tipoloxía.