Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020

Desde os seus inicios, o surrealismo inspirouse no deseño e nos obxectos cotiáns e alterounos para facelos máis fantasiosos, oníricos, irónicos, terroríficos ou emocionais. Malia todo, o impacto deste movemento artístico sobre o deseño é tan intenso como pouco coñecido. Desde que fora presentado oficialmente en 1924 co Manifesto do Surrealismo de André Breton, esta corrente artística impulsou a deseñadores e deseñadoras críticos co racionalismo a cuestionar a realidade que se agocha tras o visible, a deseñar obxectos que rompen coa rutina e escapan do cotián. A súa influencia estendeuse por todos os ámbitos do deseño do último século: desde o mobiliario e o interiorismo ata a moda, o cinema, a fotografía ou o deseño gráfico.

Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924 – 2020 explora o intercambio e diálogo entre ambas direccións, xustapoñendo obras de arte surrealista a destacadas pezas de deseño e afondando nunha das relacións máis significativas e fértiles entre arte e deseño dos últimos cen anos. A exposición presenta unha escolma de máis de 280 obras que inclúen pintura, escultura, obxectos, carteis, revistas, libros e fotografías, así como películas históricas e vídeos. 

Artistas e coleccións

Entre as obras expostas atopamos pezas asinadas por artistas e deseñadores como Man Ray, Giorgio de Chirico, Le Corbusier, Salvador Dalí, Leonor Fini, Ray Eames, Carlo Mollino, Gae Aulenti, Achille Castiglioni, Isamu Noguchi ou Meret Oppenheim.

As obras proceden na súa maioría do Vitra Design Museum, pero tamén de coleccións, fundacións e museos de todo o mundo, como a Fondazione Giorgio e Isa de Chirico, o San Diego Museum of Art, o West Dean College, o Museo Casa Mollino, a Fondazione Achille Castiglioni, ou o Design Museum Den Bosch.

A mostra está organizada pola Fundación ”la Caixa” e o Vitra Design Museum, coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e no marco do Xacobeo 21-22. Conta co patrocinio de Hugo Boss e o soporte de Art Mentor Foundation Lucerne.

Estrutura expositiva

Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924 – 2020 artéllase a partir dun núcleo central, un espazo cun audiovisual de inspiración onírica, que une catro eidos temáticos: 

  • Soños de modernidade, centrado en explorar os inicios do surrealismo a partir da década dos 20 e a súa influencia temperá no deseño de interiores, a moda ou o cinema.
  • Imaxe e arquetipo, que afonda na compoñente absurda, no confuso e o azar que artistas surrealistas e deseñadores empregan como ferramentas para alterar o cotián e forzar os lindes entre realidade e ficción. 
  • Surrealismo e erotismo, que percorre a fonda pegada que temas como o amor, a sexualidade ou os roles de xénero deixaron na arte surrealista e en moitos deseños que beben destas influencias.
  • O pensamento salvaxe, onde se descobre a relación entre etnografía e surrealismo e tamén a influencia de técnicas como o fluxo libre da conciencia ou a escritura automática.

Comisariado: Mateo Kries

A exposición está comisariada por Mateo Kries, director do Vitra Design Museum desde 2011. Estudou Historia da Arte e Socioloxía na Humboldt-University en Berlín e traballou no Vitra Design Museum desde 1995. Ao longo deste tempo, comisariou numerosas exhibicións e publicou varios libros e artigos, incluíndo obras sobre Le Corbusier, Ludwig Mies van der Rohe, Joe Colombo e Konstantin Grcic e tamén sobre os aspectos sociais, políticos e teóricos do deseño e da arquitectura. En 2010 publica o libro Total Design - Die Inflation moderner Gestaltung (Deseño total - A inflación do deseño moderno).

Vitra Desing Museum

Situado na localidade alemá de Weil am Rhein, na fronteira con Suíza e moi preto de Basilea, o Vitra Design Museum é un dos museos máis importantes do mundo no ámbito do deseño. Está dedicado por enteiro á investigación e presentación do deseño: explora a súa relación coa arquitectura, a arte e a cultura cotiá, contando cunha colección exclusiva de mobles, iluminación e deseño de interiores.
Cada ano, organiza ata dez exposicións que poden verse no seu edificio principal, de Frank Gehry, outros emprazamentos do Vitra Campus e en museos asociados por todo o mundo.

[Crédito da imaxe da exposición: Studio65, Bocca, 1970 © Gufram/Studio65, Foto: Jürgen HANS | Vitra Design Museum]

 
Exposicións
 
27 Set - 18 Dec de 2022
De 10.00 a 20.00 horas
De martes a domingo
16 a 20 h | Sáb-Dom e festivos tamén de 11 a 14.30 h
21 Out 2022 - 17 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
11 Nov 2022 — 9 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
De Nov 2022 a Mai 2023
De 9.00 a 21.00 horas
18 Nov 2022 a 28 Xan 2023
De 11.00 a 20.00 horas
21 Nov 2022 a Xan 2023
De 9.00 a 21.00 horas