Visitas comentadas | Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020

Da man do equipo de guías do Museo Centro Gaiás, esta visita comentada levarate a percorrer 100 anos da historia da arte e do deseño a través dun dos movementos artisticos que máis fonda pegada deixou no inconsciente colectivo: o Surrrealismo. A exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924 – 2020 abrangue dende cinema a pintura, pasando por fotografía e, sobre todo, obxetos de deseño e interiorismo asinados por Man Ray, Dora Maar, Salvador Dalí, Charles e Ray Eames, Antoni Gaudí, Meret Oppenheim ou Le Corbusier entre outros.

E é que desde os seus inicios, o Surrealismo inspirouse no deseño e nos obxectos cotiáns e alterounos para facelos máis fantasiosos, oníricos, irónicos, terroríficos ou emocionais. Malia todo, o impacto deste movemento artístico sobre o deseño é tan intenso como pouco coñecido. Desde que fora presentado oficialmente en 1924 co Manifesto do Surrealismo de André Breton, esta corrente artística impulsou a deseñadoras e deseñadores críticos co racionalismo a cuestionar a realidade que se agocha tras o visible, a concibir obxectos que rompen coa rutina e escapan do cotián.

A mostra supón unha extraordinaria oportunidade de afondar nunha das relacións máis significativas e fértiles entre arte e deseño dos últimos cen anos e de deixarse abraiar pola colección do Vitra Design Museum, un dos museos máis importantes do mundo no eido do deseño. 

A ter en conta:

  • Visita de balde con inscrición previa. Por favor, selecciona a quenda que prefiras para realizar a túa reserva.
  • Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
  • Deberanse seguir en todo momento as instrucións do persoal responsable da visita.