Co patrocinio da Fundación AISGE e a colaboración da Agadic-Xunta de Galicia, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) organiza un obradoiro de competencia lingüística en galego coa especialista en tradución audiovisual Rosa Moledo. O curso, de 25 horas de duración, celébrase en 5 sesións de 5 horas os días 3, 10, 11, 17 e 18 de decembro no Espazo OFF da Cidade da Cultura.
O obradoiro parte da escrita para chegar á fala e centrarse, evidentemente, na prosodia. O curso concíbese como un intercambio de preguntas, dúbidas e respostas que leven a unha aprendizaxe máis profunda sobre a situación do galego nos escenarios e nos platós. O alumnado traballará con textos teatrais, guións cinematográficos etc. Haberá que falar, gravarse e escoitarse.
Rosa Moledo é especialista en tradución audiovisual, ten no seu haber numerosos traballos tanto para televisión como para cine. Tamén é asesora e supervisora lingüística en numerosas sesións de dobraxe para televisión e cine, así como na rodaxe de diversos programas de entretemento e series televisivas, como é o caso de Mareas vivas e Fariña.
Este obradoiro ten 15 prazas. A admisión realizarase por orde de inscrición. Máis información na web da AAAG.
























