A crise económica de 2008 marca un punto de inflexión nos movementos de poboación en Galicia e dá lugar ao arranque dunha nova vaga de emigración. Países que xa foran destino da emigración galega nos anos cincuenta e sesenta como Suíza, Francia, Reino Unido ou Alemaña volven dar acollida a milleiros de emigrantes.
Porén, nesta ocasión quen marcha a Europa faino ao abeiro da libre circulación de persoas en territorio comunitario e tamén o fai con máis credenciais educativas na maleta. Este recente proceso migratorio ten lugar nun contexto social e laboral que rexistrou profundas transformacións e que se caracteriza por unha ampla precariedade no marco da emerxencia de mercados laborais globais e unha elevada circulación do talento.
Asemade, a utilización de novas ferramentas de comunicación vinculadas á expansión de Internet, como as redes sociais, favorecerá o desenvolvemento de novas formas asociativas e de activismo político e cultural, que facilitarán tamén o desenvolvemento dos proxectos migratorios e darán lugar a diásporas virtuais.
A todos estes fenómenos arredor da nova diáspora galega se achegará este seminario, que reunirá a persoal académico, pero tamén a representantes de asociacións e colectivos galegos na diáspora.
Programa
8 de outubro | Auditorio da Biblioteca de Galicia | Cidade da Cultura de Galicia
- 10:00 horas | Sección III Estudos de caso. Construíndo unha nova axenda de investigación
- 10:00 horas | Marina Richter, profesora na Escola de Traballo Social HES-SO Valais/Wallis: O caso de Suíza [videoconferencia]
- 10:45 horas | Pausa
- 11:15 horas | María González Blanco, investigadora en CC. da Educación, Universidade de Santiago de Compostela: O caso de Alemaña
- 12:00 horas | Antía Pérez Caramés, profesora de Socioloxía, Universidade da Coruña. Sandra López Pereiro, doutoranda en Socioloxía, Universidade da Coruña
- 13:00 horas | Debate
- 13:45 horas | Achegamento e debate sobre as estratexias de comunicación e creación de comunidades para as novas diásporas. Xosé M. Núñez Seixas (AEG-USC)
- 14:15 horas | Peche do seminario
























