O I Simposio Internacional - Estudos Galegos Camiño do Xacobeo 21 nace como como un primeiro foro de debate internacional dende os Centros de Estudos Galegos (CEG) repartidos por universidades de todo o mundo. Os CEG e outras entidades que colaboran con eles funcionan como motores de difusión da lingua e a cultura propias de Galicia.
Neste evento compartiranse experiencias para poder definir os eixes de actuación sobre o noso patrimonio cultural e lingüístico camiño do Xacobeo 21. O congreso está organizado pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Axencia de Turismo de Galicia e da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo.
Conta coa participación, entroutros, de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Luis García Montero, director do Instituto Cervantes; Filipa Soares, responsable do Instituto Camôes en Madrid; Gregorio Ferreiro, vicepresidente da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD); María Boguszewicz, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos; directores de diferentes CEG; e os músicos Uxía, Roi Casal, Javier Otero e Guadi Galego, entre outros.
Obxectivos
Os seus obxectivos son establecer as liñas comúns de actuación cara a difusión do Xacobeo do ano 2021 e as accións que se realizarán durante o tempo que queda para a súa celebración. Tamén se pretende recoller as achegas que, dende a experiencia, os diversos CEG fan a respecto da promoción do Xacobeo en cada un dos países onde operan. Deste xeito, iníciase un proceso de creación de materiais específicos para cada un dos lugares de onde proveñen e que teñen como finalidade a promoción do Camiño de Santiago, o Xacobeo e Galicia.
Por outra banda, designaranse como “Prescritores” os membros dos centros ou o seu persoal colaborador, se for o caso. Finalmente, abriranse liñas de colaboración entre os CEG e as máis de 300 Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago para promover o noso patrimonio, a lingua, a literatura, a música e a historia de Galicia.
Destinatarias/os: Persoal docente e investigador de diversas universidades dos Centros de Estudos Galegos, axentes culturais de turismo, membros das universidades e de institucións galegas, así como persoal da administración estreitamente relacionado coa rede de lectorados e coa planificación lingüística.
| 121.18 KB |





















