As tolas que non quixeron calar: correspondencia e memoria das internas do manicomio de Conxo | Conversa na Biblioteca de Galicia

Conxo foi o gran manicomio do noroeste peninsular ata ben entrado o século XX. Entre as súas paredes acabaron internadas centos de mulleres, moitas delas analfabetas que, contra todo prognóstico, deixaron por escrito as súas vivencias en centenares de cartas. Que nos contan esas cartas? E como entender o exercicio de resistencia e memoria que supón escribir desde un lugar así?

Nesta charla, Carmen Valiñas achegarase ás palabras das propias internas para reconstruír unha historia marcada pola violencia e os abusos, pero tamén pola reivindicación da propia cordura, a vontade de ser escoitadas e unha fonda expresión da súa subxectividade.

Doutora en Historia Contemporánea e profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC), Carmen Valiñas é tamén creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos. A súa investigación céntrase na memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX, que aborda tamén a través da ficción e da escrita autobiográfica.

Dende 2021, as mulleres internas no manicomio de Conxo son o centro da súa investigación. Froito deste traballo é o ensaio As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936 (Galaxia, 2025), galardoado co Premio Antón Losada Diéguez 2026 na categoría de ensaio e investigación e publicado recentemente en castelán.

Valiñas é tamén autora de Illa de Sangue (Galaxia, 2025), obra gañadora do Premio Narrativa Breve Repsol 2025.