Da man do persoal especializado do Museo Centro Gaiás poderás afondar na vida e obra dun dos escultores galegos máis destacados na mostra Francisco Asorey, unha recuperación necesaria. A exposición aborda, desde unha óptica contemporánea, o complexo mundo creativo do artista de Cambados, figura imprescindible na historia da arte galega e un dos renovadores da escultura española do século XX.
Comisariada por Miguel Fernández-Cid e coordinada por Carmen Asorey, neta do artista e figura esencial na reivindicación da súa obra e vida, a mostra reúne unha selección das obras máis importantes do escultor. Desde as pezas iniciais nas que podemos apreciar as súas primeiras eleccións estéticas, ata as esculturas en madeira nas que desenvolve unha iconografía de claras raíces populares e un tratamento singular da policromía, así como tamén a súa obra monumental, presente en toda a xeografía galega. Un conxunto formado por esculturas, escaiolas, debuxos, audiovisuais, documentos da época e ferramentas de traballo, ademais das cerámicas coas que se popularizaron algunhas das súas obras máis significativas, para contextualizar e dar a coñecer da maneira máis completa a relevancia artística e histórica de Asorey.
Información a ter en conta
- De balde
- As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
- Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
- A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
- Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.




