Ferrol no tempo | Cidades no tempo

Ferrol no tempo é a segunda das exposicións que conforman un amplo proxecto, Cidades no tempo, que ten como protagonistas ao longo deste ano e ata 2024 as sete principais urbes galegas. A proposta está organizada pola Xunta de Galicia en colaboración con Afundación, sendo as sedes desta institución as que albergan a mostra nas distintas cidades.

O obxectivo é reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade galega en xeral e da área de Ferrol en particular, explorando a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio nunha cidade caracterizada por ser un dos mellores casos de urbanismo ilustrado na Península Ibérica pola súa evolución no século XVIII. Ese Ferrol Ilustrado, o de A Magdalena, o Arsenal e as defensas militares da ría, aspira a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Dende distintas perspectivas como son a estética, a economía, a creación artística, a educación e a memoria, a mostra afonda nunha urbe que foi medrando, dende o Ferrol Vello conservado nos símbolos, baixo a presenza dunha das principais bases da Armada española e importantes estaleiros da mariña militar e mercante. Nesta mostra faise un percorrido por unha cidade que foi a primeira de Galicia onde se deu entrada aos saberes técnicos e tecnolóxicos, cunha poboación obreira cunha demanda de acceso á educación moi relevante, sendo tamén o primeiro núcleo galego onde se inaugurou unha Escola de Artes e Oficios (1881).

Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta exposición de Ferrol conta co asesoramento como coordinador local de Guillermo Llorca, investigador especializado na historia da cidade.

A exposición ten unha importante complexidade a nivel técnico, pola cantidade de axentes e especialistas implicados e polo protagonismo que lle concede a unha parte interactiva que pretende conseguir que o público se mergulle de cheo na mostra, deseñando case que o seu propio percorrido e experiencia.

UNHA VIAXE POLA IDENTIDADE URBANA DE FERROL

A exposición segue un percorrido a través de varias seccións (Mitos e orixes, Tramas, Escenarios, Cidade Narrada e Voces da Cidade) nas que se nos presentan documentos, planos, mapasinformes, deseños, fotografías, obxectos cotiáns e de alta cultura, así como obras de arte e publicacións de prensa e literatura. Todas estas pezas, preto de 120, achégannos á construción e evolución da cidade de Ferrol ao longo do tempo. 

Mitos e orixes

Case todas as cidades galegas contan cun mito fundacional, un relato das orixes que as sitúa nun momento determinado da historia.  O relato expositivo de Ferrol no Tempo parte nesta primeira sección dunha recreación a través de ilustracións animadas da Batalla de Brión, librada na contorna da Ría de Ferrol entre tropas británicas e españolas en 1800 e que puxo a proba por primeira vez o sistema defensivo da cidade.

Tramas

As tramas poñen en valor a documentación histórica dunha cidade, axudando a comprender o que é hoxe a urbe, dende estruturas defensivas ata a loxística dos servizos de subministración e saneamento, dende as grandes obras públicas ata as comunicacións subterráneas. A través deste apartado afóndase (con documentos, planos, mapas ou proxectos) na evolución dende o Ferrol Vello ata unha cidade na que conviven dúas realidades: a presenza dunha das principais bases da Armada española e importantes estaleiros.

Escenarios

A cidade é mais que unha representación da trama urbanística. É un espazo de interacción e intercambio social conformado ao longo do tempo. Esta sección explora as claves da sociedade ferrolá a través de obxectos históricos, de alta cultura e cotiáns, obras de arte ou fotografías, tendo en conta que foi a principal cidade galega onde se deu entrada aos saberes técnicos e tecnolóxicos, conformando unha rede de industrias auxiliares ao abeiro dos estaleiros

Cidade narrada

 Unha cidade está tan construída con edificios como con palabras. Profúndase así nesta parte da mostra na cidade inmaterial a través de obras literarias e distintos tipos de publicacións, como a prensa, que constribuíron á construción da súa imaxe. Abórdase a relación de Ferrol coa lingua galega, un repaso á literatura e ás principais cabeceiras históricas de prensa: Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada, El Correo Gallego, El Obrero, Diario Ferrolano…

Voces da cidade

 Relacionado co anterior punto, a exposición remata achegándose a unha representación do discurso que queda na memoria da xente, coas voces da veciñanza que contan historias. Atopamos en Ferrol unha experiencia audiovisual que nos conecta con vivencias propias vinculadas a algún espazo da cidade de persoas como Eduardo Hermida, promotor das Meninas de Canido; Ánxela Loureiro, profesora; ou o sindicalista Carlos Mella.

Liña do tempo

Trátase dunha sección transversal a toda a exposición que serve de fío condutor para ir destacando diferentes pezas, de distinta tipoloxía, de grande importancia para o relato da cidade porque contan unha historia relacionada con ela. Aquí podemos observar un documento do S.XV (Arquivo de Simancas). Trátase da confirmación dos privilexios de Ferrol polo Rei Enrique IV que representa o camiño de Ferrol para acadar o título de cidade. 

   
   
   

 ALGUNHAS PEZAS DESTACADAS

ENTRETEMENTO

Trompeta cine sonoro (Western Electric, California) - 1928.

Ferrol dispuxo dende o século XVIII dunha rica oferta de entretemento e artes públicas. O importante número de cines da cidade, xunto co Teatro Jofre, configuran Ferrol como un intenso espazo de lecer que gozaba dunha variada programación fílmica. O Museo do Cine de Narón conserva esta antiga trompeta, unha das escasas testemuñas conservadas da chegada do cine sonoro a Galicia, que fala do dinamismo e conectividade da sociedade ferrolá das primeiras décadas do século XX.

CIENCIA E TECNOLOXÍA

Enciclopedia mecánica – Ángela Ruiz Robles, 1962.

A Enciclopedia Mecánica considérase a antecesora do hipertexto. A mestra Ángela Ruiz Robles concibiuna como un xeito de alixeirar os materiais de estudo dos escolares. O prototipo foi fabricado nas instalacións do Parque de Artillería de Ferrol, sendo unha peza que representa á perfección os avances da ciencia e a tecnoloxía na cidade, onde se produciu un encontro único entre a cultura e a técnica. Procede do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía

PLANOS

Plano de la nueva plaza del Ferrol: en que comprehende el Real Arsenal de Marina, con los quatro barrios del Ferrol viejo, Nueva población, Esteiro, y Ganido, en el estado que está oy; y lo proyectado asta el día veinte de enero de mil setecientos setenta y dos.»Dionisio Sánchez de Aguilera 1772. Ministerio de Defensa. Archivo Cartográfico de Estudios Geográficos del Centro Geográfico del Ejército

ARTE

Pintura de Ricardo Segura Torrella: “Cara a Fisterra".

 Por cortesía da propia familia do autor pódese observar na mostra unha pintura escasamente coñecida e, ao tempo, unha impactante icona da pintura galega da Transición. A densa estrutura poboacional de Ferrolterra fai que cidade e rural se fusionen. Este cadro de Ricardo Segura Torrella amósanos unha sociedade en transición, mecanizada e rural ao tempo. Na obra reúnense materiais visuais de tres partes de Galicia: a idea da escena, vista nas proximidades de Fisterra; o camión, fotografado en Navia de Suarna; e as personaxes: labregas de Doniños e a filla do autor.

 

 

 

 

 

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h