Cidades no tempo é un gran proxecto expositivo que abrangue as sete principais cidades galegas, converténdose en sete mostras singulares que comparten estrutura. A iniciativa é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e a Afundación (Obra Social ABANCA), no marco da programación do Xacobeo 21•22.
O seu percorrido comezará na sede de Afundación en Santiago de Compostela, para continuar polos distintos espazos da entidade en Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense durante este 2022 e estendéndose ao 2023 e 2024. O obxectivo da mostra é reivindicar a Galicia urbana como compoñente clave da identidade e cultura galegas, cun legado que se remonta séculos na historia. Así, explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio que conforman as distintas urbes, mostrando o específico de cada unha delas pero tamén a súa conexión. Estética, economía, creación artística, educación, a memoria e os imaxinarios locais contribúen a facer visible a cidade como un amplo sistema interconectado.
Á fronte da exposición está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega, ademais de ser o responsable dunha das mostras con máis visitantes do Gaiás, Galicia, un relato no mundo. Pero, ademais do comisario, a iniciativa implica a un extenso equipo de traballo, conformado por recoñecidos expertos en diversos eidos como a Xeografía, a Antropoloxía, a Arquitectura ou a Historia da Arte, entre outras disciplinas. En total, entre os comités asesores e os coordinadores locais, a organización do proxecto implica directamente a máis de 60 persoas.
A través da combinación entre obxectos e materiais físicos e tecnoloxías interactivas, a exposición propón unha experiencia multimedia de descubrimento das orixes agochadas ou esquecidas das culturas urbanas.
As características desta exposición, tanto polo percorrido que fai por toda Galicia adaptándose a cada cidade, como pola aplicación da tecnoloxía e o factor humano que participa da súa posta en marcha, fan dela un dos proxectos expositivos de maior complexidade técnica impulsados pola Xunta de Galicia nos últimos tempos.
Xa podes visitar a primeira das exposicións en Santiago de Compostela, preme na imaxe para máis información:
![]() |
"SANTIAGO DE COMPOSTELA NO TEMPO" ATA O 10 DE SETEMBRO DE 2022 | ENTRADA DE BALDE SEDE AFUNDACIÓN (Rúa do Vilar, 19) SANTIAGO DE COMPOSTELA |
