O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos. Retómase agora como unha iniciativa conxunta entre GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), a empresa Deleite e a Fundación Xosé Neira Vilas
Foi, no seu momento, o único certame de poesía para a infancia en Galicia, feito que lle confería un brillo especial (e dúas décadas máis tarde continuaría a selo). Nel participaron escritores e escritoras consagradas, e tamén noveis.
No tocante a GÁLIX, sección galega da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e representación do ámbito lingüístico galego no IBBY (International Board on Books for Young People), recolle entre as súas finalidades a “visibilización” do libro infantil e xuvenil en galego, e dentro deste obxectivo, o de promover aqueles xéneros que por diferentes razóns resultan “minorizados” no campo da edición comercial.
Neste momento, a Fundación Xosé Neira Vilas e GÁLIX, suman esforzos para manter vivo o certame literario, xa que contan co patrocinio de Deleite. Así, propoñen a recuperación e continuidade do “Premio Arume de Poesía para a Infancia” e fixérono xustamente o 21 de marzo de 2021, Día da Poesía.
























