De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell

Por definición, un lugar é espazo determinado capaz de acoller unha cousa calquera. O que nos permite caracterizar e distinguir un lugar de outro é precisamente a natureza do que contén (persoas, cousas, pensamentos) e os procesos e o tempo nos que foi constituído. Memoria, identidade, pertenza ou límite son algúns dos conceptos fundamentais que ligamos aos lugares e os dotan de sentido para nós.

De lugares e cousas é unha exposición que reflexiona, a través da arte contemporánea, sobre os símbolos, significados e sentidos cos que dotamos e construímos os lugares, e tamén sobre a relación da obra artística cos espazos que habita.

A través de 41 obras pertencentes aos fondos da Colección de Arte Banco Sabadell, De lugares e cousas trae ao Gaiás pezas dalgúns dos artistas contemporáneos e actuais máis relevantes de Galicia, España e tamén Portugal.

Referentes como Eduardo Chillida, Esther Ferrer, Antoni Tàpies, Isidoro Valcárcel Medina, José Pedro Croft ou Susana Solano, entre outros, están presentes canda pezas de Cristina Iglesias, Jaume Plensa, Dora García, Alicia Framis, Jordi Colomer ou David Bestué. Da parte galega, participan na mostra Manolo Paz, Ángela de la Cruz, Antón Patiño e Christian García Bello.

Tres xeracións de artistas

De lugares e cousas reúne tres xeracións de artistas, dos máis relevantes de Galicia, España e Portugal, cos que percorremos a evolución da arte contemporánea desde a segunda metade do século XX ata os nosos días.

Na mostra atopamos pezas de figuras fundamentais que abriron novos camiños na pintura, a escultura e a arte plástica. Pioneiros do informalismo e da abstracción, e tamén da arte conceptual: Antoni Tàpies, Jorge Oteiza, Isidoro Valcárcel-Medina, Eduardo Chillida, Esther Ferrer, Jorge Teixidor, Miquel Navarro, Ana Jotta, Antón Patiño e Sergi Aguilar.

A segunda xeración está composta por artistas nacidos maiormente entre finais dos 40 e dos 50. Atopamos aquí traballos que afondan na experimentación coa técnica e os materiais para crear propostas que reflexionan sobre a relación da arte coa literatura e a palabra, os medios de comunicación de masas, a natureza ou a arquitectura, realizadas por Txomin Badiola, Manolo Paz, Susana Solano, Jaume Plensa, Pedro Cabrita Reis, Cristina Iglesias, Juan Ulsé, Pep Durán, José Pedro Croft, Ignasi Aballí, Montserrat Soto e Lluis Hortalà. 

Rematamos o noso percorrido coas creacións de artistas nacidos a partir da década dos 60 que continúan a exploración fóra dos límites, tanto da obra artística como da súa relación co espazo de exhibición: Mar Arza, Irma Álvarez-Laviada, Alicia Framis, José Dávila, Ángela de la Cruz, Alberto Peral, Dora García, Itziar Okariz, Oriol Vilapuig, Mateo Maté, Jordi Colomer, David Bestué, Christian García Bello e Teresa Solar Abboud.

Arte en relación

Nesta exploración da relación simbólica da arte en relación cos obxectos e cos lugares, a arquitectura, a natureza e a cidade están moi presentes ao longo de toda a mostra. Así, atopamos en De lugares e cousas obras que reflexionan sobre os espazos urbanos —Maravillas e Prototipos (2), de Jordi Colomer—, que empregan elementos arquitectónicos para dotalos dun novo sentido —La habitación de la arquitectura prohibida, de Alicia Framis—, e outras que traballan a partir de elementos naturais como materia prima ou obxecto de representación. Isto último vémolo, por exemplo, na estrutura de panal en madeira de Vértigo, de Manolo Paz ou en Phreatic Zones Studi IV, de Cristina Iglesias, onde o cobre recrea a idea dos acuíferos.

Outro elemento común en varios dos artistas que compoñen a mostra é o traballo en relación coa escrita, a literatura e a poesía. A modo de exemplo temos a escultura We, de Jaume Plensa, composta por letras realizadas con oito alfabetos distintos que permiten construír, a pesar da disparidade lingüística, unha figura única, reflexiva e transparente. Dora García, Ignasi Aballí e Mar Arza son outras dúas artistas que traballan con palabras, fragmentos de libros e referencias literarias para construír mundos poéticos e visuais.

Por último, hai en De lugares e cousas unha corrente adicional na que a obra fai evidente a construción dunha relación co propio feito artístico, ben con autoras, autores e movementos anteriores ben coa sociedade na que se inscribe e como esta percibe a arte contemporánea. David Bestué, Ana Jotta, Irma Álvarez-Laviada, José Dávila ou Isidoro Valcárcel Medina son algúns exemplos de creadores que traballan nesta liña. Pezas reflexivas, irónicas, humorísticas incluso, que revisan a modernidade da escultura e da pintura e o seu papel na sociedade actual.

Colección de Arte Banco Sabadell

A Colección de Arte Banco Sabadell foise ampliando ao ritmo do crecemento do banco. A maioría das obras son actuais e, como é habitual, foron adquiridas pola súa calidade artística, o seu valor innovador e o que poidan supoñer de investimento, ademais do seu valor decorativo. En tal sentido, cómpre lembrar que unha das cuestións que a singularizan é, precisamente, a función de decoración dos espazos de traballo e de relación cos clientes e os accionistas do banco. Daquela, valores e estética conxúganse para se converter nun elemento destacado da imaxe e da marca Banco Sabadell.

 
Exposicións
 
27 Set - 18 Dec de 2022
De 10.00 a 20.00 horas
De martes a domingo
16 a 20 h | Sáb-Dom e festivos tamén de 11 a 14.30 h
11 Nov 2022 — 9 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
De Nov 2022 a Mai 2023
De 9.00 a 21.00 horas
18 Nov 2022 a 28 Xan 2023
De 11.00 a 20.00 horas
21 Nov 2022 a Xan 2023
De 9.00 a 21.00 horas