Conecta+ é unha ferramenta para poñer en contacto a creadores galegos -con proxectos en fase de desenvolvemento-, con produtores (tanto galegos coma do resto España) que poidan estar interesados en desenvolver eses proxectos.
O formato deste encontro é o das reunións un-a-un xa utilizado nos encontros Conecta e que demostrou a súa eficacia á hora de poñer en común proxectos, xa que permite un mellor coñecemento persoal de ámbalas dúas partes; maior profundización no coñecemento do proxecto, e en definitiva, máis posibilidades de atopar conexións entre a produción e a creación, que o clásico formato pitching.
Conecta+ nace para xerar un espazo de contacto entre guionistas, directores e produtores; para construír pontes entre as ideas e o mercado, co obxectivo de fortalecer os proxectos, dotalos de viabilidade económica e promover a construción de equipos que combinen talento e capacidade de execución.
Os participantes de Conecta+ dividiranse en dúas categorías: con proxecto e sen proxecto. Os primeiros poderán presentar o seu proxecto a produtores co obxectivo de establecer unha colaboración profesional ou, cando menos, de recibir unha orientación que de como resultado o fortalecemento do proxecto.
Doutra banda, os produtores terán a oportunidade de coñecer novos creadores e proxectos.
Para facer todo isto posible serán invitados relevantes produtores (galegos e do ámbito nacional) nos diferentes eidos da produción audiovisual, cubrindo un amplo abano de formatos da produción audiovisual. Desde a ficción comercial, ao cine experimental, os documentais, a televisión ou os proxectos transmedia.
























