Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra

Xa se pode visitar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura Castelao maxistral,  unha exposición que supón todo un fito xa que exhibe por vez primeira en Galicia a obra icónica 'A derradeira leición do mestre', considerada o 'Guernica galego'. Debuxada na Arxentina en 1945 polo artista de Rianxo, nunca antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires.

Trátase da primeira mostra en Galicia coa simbólica pintura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, A derradeira leición do mestre (1945), e elixiuse a Cidade da Cultura de Galicia como sede. Esta obra consérvase no Centro Galicia de Buenos Aires, cidade na que foi realizada polo autor, e nunca ata agora tiña saído desta institución. A pintura, de dous metros de altura, baséase na estampa n.º 6 do libro Galicia mártir publicado por Castelao en 1937. O tema é o do mestre asasinado na Guerra Civil española ante uns nenos que se laian conmocionados. Unha escena tráxica chea de tristeza e denuncia. As descricións desta obra apuntaron o paralelismo entre o fusilamento do mestre e o do seu amigo, o intelectual Alexandre Bóveda, o 17 de agosto de 1936.

Castelao maxistral recolle este testemuño e contextualiza a situación do ensino en Galicia en tempos da República e incide na importante tarefa e o grande interese de Castelao a prol dunha educación en Galicia: libre, universal e en galego, da que foi un acérrimo defensor. Precisamente, débese salientar que Castelao maxistral é o primeiro proxecto expositivo que recolle todos os debuxos (40) que o artista de Rianxo lle dedicou ao ensino obrigatorio, que na época era ata os 9 anos de idade.

'A derradeira leición do mestre' está no centro dun relato expositivo co que se pretende homenaxear ao papel dos mestres e mestras de Galicia e ao importante labor que fixeron —nunha época (1900 -1936) de gran precariedade de medios no ensino e sen material pedagóxico— para intentar mudar esta situación e acadar unha maior alfabetización da poboación e, sobre todo, que as clases sociais máis desfavorecidas tiveran tamén acceso á educación, e en galego.

Deste xeito, este proxecto expositivo — comisariado polo historiador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane— céntrase, por unha banda, en recrear a situación do ensino en Galicia nesa época —principios do século XX ata 1936— e por outra, en pór en valor os avances que se realizaron grazas ao esforzo e implicación persoal enorme destes docentes para asentar as bases da educación pública tal e como hoxe a coñecemos, cunha transformación con ideas pedagóxicas renovadoras que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil.

TRES EIXES TEMÁTICOS | SEIS SECCIÓNS

Este relato de homenaxe aos mestres e mestras de Castelao maxistral estrutúrase en tres eixos temáticos:

  • A escola da época
  • O vínculo de Castelao coa docencia
  • O cadro ao redor do que xira todo o proxecto expositivo, A derradeira leición do mestre.

A través destes bloques de contidos —que na mostra se presentan repartidos en seis seccións— preténdese, nun primeiro momento, amosar a precariedade, a falta de material de docente cualificado, a actitude pouco pedagóxica e exclusivamente en castelán que se rexistraba nas escolas a principios do século pasado.

Tras esta radiografía, a continuación, ponse en valor a renovación pedagóxica que quixeron asentar os mestres e mestras durante a segunda República, unha modernización que se viu abortada polo estoupido da Guerra Civil. Irrupción onde se inxire o cadro A derradeira leición do mestre, homenaxe ao sacrificio — incluso coa súa propia vida— eses docentes e a todo o que eles simbolizaban: unha educación libre, universal e en galego.

Por iso, o óleo de dous metros de altura sitúase cara ao final do relato expositivo –na sección catro das seis existentes— coa intencionalidade de deixar un repouso e unha lección como suxire o mesmo título desta grande obra simbólica de Castelao. Para artellar, arroupar e completar todo este relato expositivo ao redor de A derradeira leición do mestre, Castelao maxistral amosa unha ampla sección de pezas e documentos (92) depositados nos museos e institucións galegas ou pertencentes a coleccións particulares (32 en total). 

 
Exposicións
 
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h