Visitas didácticas | Curso 2018-2019

Neste curso 2018-2019 o Gaiás convértese nunha ferramenta educativa de primeira orde, coa celebración de grandes exposicións de diferentes temáticas ao longo do ano lectivo, e mantendo os seus contidos habituais de arquitectura e natureza. Estas mostras supoñen unha grande oportunidade.  Preséntase un amplo abano de visitas comentadas gratuítas, adaptadas aos diferentes niveis académicos, para que os centros educativos poidan tirar o máximo proveito de todos os recursos que as exposicións e contidos do Gaiás facilitan á comunidade educativa.

CASTELAO MAXISTRAL
Do 5 de outubro de 2018 ata o 1 de marzo de 2019
A partir de 5º de Educación Primaria
Duración aproximada: 60 minutos

O Museo Centro Gaiás será o escenario dun momento histórico: a exposición, por primeira vez en Galicia, da obra A derradeira leición do mestre de Castelao. Pintado na Arxentina en 1945, este lendario óleo, nomeado por algúns como “o Guernica galego”, retrata unha das páxinas máis escura da nosa historia. A partir desta obra central, a mostra abre unha fiestra a un período histórico que foi clave na implantación dun sistema educativo público e universal en Galicia. Dende o 1900 ata a Guerra Civil, o esforzo dos mestres e mestras que, nun contexto de precariedade económica, levantaron unha escola con ideas pedagóxicas renovadoras fixo posible que practicamente se duplicase o número de nenos e nenas escolarizados no país. Co programa de visitas á mostra, os grupos educativos (a partir de 5º de Primaria) poderán mergullarse nesta etapa histórica, poñer en valor o papel da educación como o mellor medio para a formación de cidadáns libres e profundar no coñecemento da figura senlleira de Castelao.

GAIÁS: ARQUITECTURA E NATUREZA
Visita dispoñible todo o ano
Todos os niveis educativos
Duración aproximada: 60 minutos
Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo  principal destas visitas educativas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación co entorno paisaxístico e natural no que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, cos proxectos presentados ao concurso arquitectónico que tivo lugar no ano 1999, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk.

BOSQUE DE GALICIA
Visita dispoñible todo o ano*
Educación Primaria e Secundaria
Duración aproximada: 60 minutos
As visitas ao Bosque de Galicia fan posible que os grupos se asomen aos espazos verdes do Gaiás para coñecer e valorizar os elementos do noso medio natural e aprender a identificar as plantas da nosa contorna, as súas utilidades e a importancia da súa preservación. Aproveitando a variedade natural existente nas 34 ha do monte Gaiás, a comunidade educativa poderá gozar dun roteiro interpretativo da paisaxe galega, con todo un catálogo de especies arbóreas que favorecen o coñecemento próximo do noso ecosistema (bidueiros, carballos, salgueiros...). *Observación: As visitas ao Bosque de Galicia están suxeitas a modificación ou cancelación no propio día en función do tempo meteorolóxico. En tal caso, ofertarase ao grupo afectado unha visita alternativa.

 
Aula Gaiás