Os talleres de avaliación intermedia da RIS3 reúnen os principais axentes do sistema galego de innovación (Administración, organismos de investigación, empresas e sociedade) arredor de cada un dos tres retos da Estratexia:
- Reto 1: Xestión Innovadora dos recursos naturais e culturais
- Reto 2: Novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento
- Reto 3: Novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación
As Estratexias de Especialización Intelixente son a folla de ruta das rexións europeas para avanzar na súa competitividade, crecemento económico e emprego a través da innovación e un requisito imprescindible para acceder aos fondos de cohesión da Unión Europea no período 2014-2020.
Estes talleres forman parte dun proceso máis amplo de avaliación, que se está a realizar tamén a través doutras vías como: o balance de execución, a recollida de información a través de cuestionarios que se remitiron a preto de 900 beneficiarios das axudas, axentes do sistema galego de I+D+i; a organización de grupos de discusión, paneis de expertos e consellos asesores; e a consulta á sociedade en xeral. A metodoloxía de avaliación que se está a empregar é un proceso participativo, continuando co enfoque de descubrimento emprendedor implantado xa na elaboración da RIS3.
Sobre a RIS3
A RIS3 é a estratexia de innovación de Galicia para o período 2014-2020. Nela establécense os retos e prioridades do investimento en I+D+i da nosa Comunidade co obxectivo de asegurar unha concentración eficiente dos recursos dispoñibles para xerar e explotar o coñecemento en Galicia coa finalidade de orientar o noso tecido produtivo cara un camiño de desenvolvemento baseado na innovación e o coñecemento.
A RIS3 de Galicia foi froito dun proceso participativo coordinado pola Axencia Galega de Innovación levado a cabo en 2013, coa participación de diferentes departamentos da Administración Autonómica e máis de 240 axentes do sistema galego de innovación. As RIS3 foron impulsadas nas rexións europeas por esixencia da Comisión Europea en relación coa programación dos Fondos Estruturais 2014-2020.
























