O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, fiel ao seu compromiso de potenciación e desenvolvemento do sector TIC galego, convoca o III Hackathon Big Data y Analytics, que terá lugar os próximos días 1 e 2 de febreiro de 2019 na Cidade da Cultura de Galicia. Este evento ten como obxectivo unir a equipos de analistas, estudantes universitarios, emprendedores e emprendedoras e todo tipo de persoas con inquietudes no ámbito de Intelixencia Artificial, Big Data & Analytics co fin de elaborar unha solución tecnolóxica que dea resposta a un reto exposto inicialmente.
Nesta edición, o desafío basearase en expor e desenvolver ideas que permitan mellorar a calidade de vida da cidadanía para partir da análise de datos meteorolóxicos, que serán proporcionados por Meteogalicia. A rede de estacións meteorolóxicas, ademais de xerar un gran volume de datos históricos de multitude de variables, tamén ofrece información en Near Real-Time dun subconxunto de magnitudes físicas cun gran potencial para ser usadas en diferentes ámbitos da vida diaria. As fontes de datos que poderán ser utilizadas durante o evento están detalladas nas bases do Hackathon, que poden consultarse en www.hackathon-cein.com.
Equipos multidisciplinares
As propostas desenvolveranse en grupos multidisciplinares de traballo integrados por un mínimo de 3 persoas a un máximo de 5, contando co asesoramento técnico de profesionais de DXC quen, como empresa organizadora, facilitará na medida do posible apoio loxístico para a realización dos distintos proxectos, mediará en cuestións derivadas dos mesmos e asegurará o cumprimento e acatamento das normas necesarias para o seu correcto desenvolvemento.
A cantidade máxima de participantes virá delimitada polo espazo dispoñible, ata un máximo de 30 persoas. Os participantes poden inscribirse en equipos ou de maneira individual. Promóvese a inscrición en equipos multidisciplinares. Os integrantes que se inscriban individualmente poderán sumarse a un equipo ou formar un durante a primeira xornada.
Aínda que a organización proverá dun lugar de traballo, tomas de corrente, conexión wifi a Internet e datasets, cada equipo participante deberá levar a súa propia ferramenta de traballo: equipos informáticos como ordenadores portátiles, tablets e/ou outros compoñentes para crear os seus produtos ou solucións, e calquera outro tipo de hardware ou software que requiran para poder traballar no proxecto.
Ao termo da segunda xornada, cada equipo fará unha breve exposición (durante 5-10 minutos) da súa solución. Un xurado experto formado por membros de DXC Technology e os organismos colaboradores avaliará e seleccionará os gañadores.
Máis información e inscricións en www.hackathon-cein.com.






















