A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) organiza, en colaboración co Cluster Audiovisual Galego (Clag), a xornada Oportunidades do Programa MEDIA para o desenvolvemento de videoxogos, dentro do programa Galicia ProFilme, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O obxectivo principal desta nova sesión do Programa de Formación para Profesionais da Industria Audiovisual Galega é detallar as bases legais das axudas ao desenvolvemento que o Subprograma MEDIA de Europa Creativa lle ofrece ao sector do videoxogo desde o pasado ano, e que poden ser de ata 150.000 euros por proxecto como cantidade máxima. Tamén se abordarán as posibilidades que lles ofrece o crowdfunding ás empersas do sector.
O Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia acollerá esta sesión o vindeiro día 2 a partir das 16:30 horas. A súa apertura correrá a cargo de Jacobo Sutil, director da Agadic, e contará coa participación de Peter Andermatt, director da Oficina MEDIA España, e Fernando Prieto, socio da compañía galega Gato Salvaje Studio.
























