O Ecoespazo CISPAC do Edificio Fontán acolle desde o 2 de decembro de 2025 ata o 30 de xaneiro de 2026 a exposición O Corro dos Mouros: unha longa historia… A monumentalidade ritual-funeraria desde o Bronce Final ata a Segunda Idade do Ferro en Galiza. A mostra achega unha síntese sobre este destacado xacemento prehistórico de Adai (Lugo), caracterizado pola súa monumentalidade e pola continuidade dos seus usos rituais, e no cal foron atopadas máis de 1.200 novas pezas arqueolóxicas na última campaña. Pode visitarse de luns a domingo en horario de 10:00 a 20:00h.
Baixo unha paisaxe articulada ao redor de mámoas, petróglifos e castros camúflase O Corro dos Mouros, un xacemento monumental que agocha unha longa e complexa historia. Foi un lugar sacro utilizado para desenvolver ritos funerarios dende o momento da sua construcción no Bronce Final, en torno ao século XIII antes de Cristo, albergando unha actividade intensa na Primeira Idade do Ferro (entre os séculos VIII e VI a. C.) e sendo clausurado na Segunda Idade do Ferro, en torno ao século III antes de Cristo.
A investigación arqueolóxica do sitio está dirixida por Pilar Prieto Martínez, profesora da USC e investigadora do CISPAC, coa colaboración da Asociación de Montes de Adai e financiada pola Xunta de Galicia. Os traballos desenvolvidos no lugar permitiron definir con precisión a estrutura monumental do recinto, cun diámetro superior aos cincuenta metros e un parapeto de terra e pedra que se conserva en varios tramos con notable integridade. As datacións por carbono sitúan a súa ocupación no Bronce Final, arredor do século XIII a. C., e os materiais recuperados confirman un uso continuado do espazo ata a Segunda Idade do Ferro.
A historia do Corro dos Mouros continúa na Alta Idade Media, cando se detecta unha posible remoción da coraza prehistórica que arrastra consigo materiais que alí quedaron depositados, como unha punta de lanza de bronce prehistórica datada entre os séculos VIII e VI a. C. En Época Moderna detéctase actividade esporádica, grazas ao achado de fragmentos de dúas potas cerámicas, e finalmente, no período contemporáneo, a zona utilizouse para desenvolver actividades agrícolas, como o mostran as pegadas de arado atopadas no exterior do xacemento, así como actividades forestais.






















