Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia | Itinerancia en Ponteareas

A exposición Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado académicamente: un percorrido pola evolución das orquestras de verbena dende os anos 20-30 ata o 2020. Así, contempla dende as orixes destas agrupacións nas primeiras décadas do século XX a partir das bandas de música tradicionais, ata converterse en grandes espectáculos e mesmo chegando a reinventarse para captar á xuventude e adaptarse aos novos tempos.

Esta exposición, que agora viaxa a Ponteareas en formato de rúa, con 3 paneis e 5 bancos, nace dunha mostra que se realizou na Biblioteca de Galicia, cos seus propios fondos, no 2023, enmarcándose, así, dentro das itinerancias expositivas da Cidade da Cultura. A mostra baseouse nun estudo da Universidade de Santiago titulado Do palco ao escenario, coordinado por Xaime Fandiño e do que son partícipes Zósimo López e Henrique Neira, comisarios desta exposición.

A historia das orquestras de verbena en Galicia

As verbenas galegas adquiriron carácter propio nas primeiras décadas do século XX. Viron como as gaitas do país e as bandas de música incorporaron músicas bailables importadas de América coma o charlestón, o fox-trot, o jazz ou o tango pola emigración masiva desde Galicia a países como Cuba ou Arxentina. Pouco a pouco, integrantes de bandas de música constituíron en Galicia e nos países destino da emigración agrupacións especializadas en música bailable moderna, co nome de jazz bands ou orquestras.

 Nos anos 40 comezan a aparecer as verbenas. Ao remate da Guerra en 1939, retómanse as festas que estiveran prohibidas e empezan a proliferar as verbenas nos barrios. Os anos 80 foron moi prolíficos para as orquestras, sobre todo a finais da década coa aparición da Radio Galega e a Televisión de Galicia, que supuxeron grandes plataformas para elas.

Os 90 supoñen un momento de crise, coas orquestras pouco valoradas pola xuventude, a aparición de macroconcertos (Xacobeo 93) e as salas de festas convertidas en discotecas. A situación obriga a facer grandes investimentos en tecnoloxía e aparecen os tráilers-escenario, centrándose máis no espectáculo Entre o 2012 e 2019 as orquestras souberon reinventarse e xurdiron, como se mostra a través da cartelería, as festas da xuventude, onde as orquestras adaptaron os seus repertorios e evolucionaron nos seus ritmos.

O último panel alude ao 2020 coa crise producida pola pandemia no sector cultural e a aparición posterior de novas propostas musicais que incorporan a estética, os repertorios, e todo aquilo que rodea á verbena galega como parte da identidade propia de Galicia