A Cidade da Cultura acolle os días 5, 6 e 7 de maio a celebración do XV Congreso Internacional de Infancia Maltratada en 2022. Nesta ocasión o Congreso está a ser organizado xunto á asociación AMINO.Gal
Tal e como propón o lema elixido “Camiñando no Bo trato: consolidando modelos de protección”, a programación deste congreso busca centrar a atención de todos os axentes involucrados na atención á infancia sobre a necesidade de recoñecer o bo trato non como unha meta senón como unha realidade desde a que traballar para previr e protexer á infancia e adolescencia fronte ao maltrato infantil.
A programación do encontro inclúe actividades simultáneas nos espazos do Edificio CINC (Salón de Convencións, Auditorios 1 e 2) en modalidade presencial, así como unha modalidade de asistencia online ás actividades do Salón de Convencións.
Desde o ano 1989, a Federación de Asociaciones para la Prevención del Maltrato Infantil, FAPMI – ECPAT España, en colaboración coas súas entidades federadas organizan con carácter bienal o Congreso Estatal de Infancia Maltratada, o cal adquiriu unha dimensión internacional desde a súa edición en 2012 celebrada en Oviedo.


























