O documental Peregrinas, mulleres no Camiño de Santiago preséntase na Cidade da Cultura o 18 de xaneiro ás 19 horas. O artífice desta proxección de setenta minutos é o maxistrado José Antonio Vázquez Taín, moi coñecido por ser o instrutor de casos tan mediáticos como o roubo do Códice Calixtino, entre outros. A proxección contará coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.
Neste proxecto audiovisual o maxistrado e escritor ourensán proponse como reto dar un novo enfoque ao Camiño de Santiago a través das experiencias de varias mulleres peregrinas que percorreron a senda en varios momentos históricos. A obra busca achegar ao público as vidas dalgunhas mulleres que contribuíron ao crecemento e expansión do Roteiro Xacobeo e proponse descubrir curiosidades dos camiños Primitivo, Francés, Inglés e Portugués.
A realización da peza corre a cargo de Estela Freire e Alberte Cabarcos, gañadores dun premio Mestre Mateo polo seu traballo Álbum de Viaxe, sendo unha coprodución de Mundoredondo e Ibérica Business Big.
























