A Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, ka Ciencia y la Cultura (OEI) e Trivium lanzan unha nova edición de RUTEALC, a Incubadora de Itinerarios Culturais de América Latina e o Caribe, coa apertura de inscricións para as súas Xornadas Profesionais, que se celebrarán o próximo 15 de setembro. O edificio Fontán da Cidade da Cultura será a sede dixital das xornadas e programas de 2025.
RUTEALC ofrece capacitación gratuíta e especializada en roteiros e itinerarios culturais a través de tres actividades principais: Xornadas Profesionais, Programa de Emprendemento e Programa de Acompañamento. Este proxecto formou a máis de 550 persoas de 21 países de Iberoamérica nas súas edicións anteriores.
Cooperación internacional
A OEI vén apostando e desenvolvendo durante estes últimos anos o seu programa de Itinerarios e Roteiros Culturais, ao entender que esta liña de traballo resulta prioritaria para reforzar o valor do patrimonio natural e cultural e xerar oportunidades para o benestar e o incremento da calidade de vida das persoas nos seus territorios de orixe. Neste contexto sitúase a firma, en outubro de 2019, do Convenio bilateral entre a OEI e a Xunta de Galicia, que ten por finalidade impulsar a cooperación en materia educativa, cultural e patrimonial a ambos os dous lados do Atlántico, poñendo en valor os vínculos de Galicia e Iberoamérica.
É neste marco de cooperación institucional e suma de esforzos no que se enmarca RUTEALC. Proxecto concretado formalmente coa firma dun Convenio de colaboración entre a OEI e a empresa galega TRIVIUM, cuxo obxectivo é xerar unha comunidade de xestores, profesionais, cidadáns e emprendedores culturais interesados na creación e o desenvolvemento de roteiros e itinerarios de acreditado valor patrimonial no ámbito de Iberoamérica e o Caribe, partindo de modelos de éxito como o Primeiro Itinerario Cultural Europeo, o Camiño de Santiago.
As persoas interesadas en participar en RUTEALC poderán inscribirse a partir do 2 de setembro no programa de Xornadas Profesionais, que se celebrará o 15 de setembro de 2025. Trátase dunha actividade gratuíta e aberta a todas as persoas interesadas no desenvolvemento de roteiros culturais nos seus territorios. A inscrición realizarase completando este formulario.
























