O venres 16 de marzo, o Instituto de Estudos do Territorio organiza na Cidade da Cultura unha xornada na que se presentarán os primeiros resultados do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Coruña para o deseño da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia. A apertura da xornada correrá a cargo da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato.
A Estratexia de infraestrutura verde de Galicia proponse crear unha estrutura ecolóxica básica de Galicia mediante unha planificación territorial que integre as diferentes estratexias desenvoltas nos últimos anos (rede de espazos naturais protexidos, zonas con risco de inundación, áreas de especial interese paisaxístico...) coa planificación urbana e de infraestruturas verdes, como ferramenta que proporcione beneficios ecolóxicos, económicos e sociais.
























