X Xornadas de Arquitectura e Deseño

Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia organiza o próximo 8 de novembro, no edificio CINC da Cidade da Cultura, as X Xornadas de Arquitectura e Deseño, en colaboración coa Axencia Galega da Industria Forestal, XERA. O deseño ten unha influencia decisiva no desenvolvemento de produtos, servizos e contornas mellor adaptados ás necesidades e preferencias dos usuarios. Este encontro está enfocado á reflexión, ao intercambio e á xeración de ideas nesta materia.
 
O programa conta coas intervencións do estudio de Arquitectura MRM Arquitectos, co deseñador de interiores Iván Cotado, e co estudio de deseño de produto Imaisdé Design Studio. Tras estas intervencións, desenvolverase unha mesa redonda entre os relatores e unha representación de empresas do sector da madeira, para debater sobre a importancia estratéxica que ten que o deseño, a arquitectura e a industria camiñen cara unha mesma dirección. Esta mesa redonda estará moderada polo arquitecto Luis Gil Pita.
 
Na xornada de tarde, celebrarase un coloquio entre todos os participantes para dialogar sobre as inquedanzas de todos os axentes que conforman o sector, para compartir sinerxías, coñecementos e posibles colaboracións. O arquitecto José Ángel Carreira Montes será o encargado de dinamizar esta charla.