Visita virtual a 'O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra'

A exposición O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, que o Museo Centro Gaiás acolleu entre outubro de 2021 e abril de 2022 pode visitarse tamén en liña a través dunha completa visita virtual. Este proxecto expositivo e editorial, comisariado por Lucía Laín, tece un diálogo entre a fotografía antiga e contemporánea que convida a descubrir as paisaxes, a vida nas prazas das aldeas, os monumentos e as escenas cotiás que foron inmortalizadas desde o século XIX ata o presente.

De Porto a Santiago de Compostela, en 120 fotografías e a través da ollada de 42 fotógrafos e fotógrafas, a mostra aproxímase á riqueza paisaxística e monumental deste itinerario histórico para facernos novamente conscientes do seu valor patrimonial e ofrecernos a oportunidade de reflexionar sobre o que permanece inmutable e o que se transforma, construíndo unha memoria colectiva do camiño accesible a todas as persoas. Un camiño que agora tamén podes percorrer no espazo dixital

Visita Vitual Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra

Un diálogo visual entre o pasado e o presente

A visita virtual reproduce o interior do andar 3 do Museo Centro Gaiás, polo que se pode transitar devagar, deténdose nos detalles das fotografías, textos e fragmentos literarios que constrúen este diálogo visual entre fotografía histórica e contemporánea.

Visita Vitual Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra

Entre as instantáneas clásicas atopamos imaxes de estudos e artistas como Alberto Marçal Brandão, Artur Pastor, Aurélio da Paz dos Reis, Charles Alberty (LOTY), Emilio Biel e Companhia, Estúdios Tavares da Fonseca, Filippo Prosperi, Foto Guedes, Fotografia Alvão, Lda., Helga Schmidt-Glassner, Jaime Pacheco, Joaquín Pintos, José Gouveia Gomes Junior, José Moreira, José Suárez, Nicolás Muller, Octávio Lixa Filgueiras, e Otto Wunderlich.

Intercalados no relato expositivo, atopamos tamén os traballos de artistas da fotografía contemporánea, como Antón Buciños, Blas González, Carla Andrade, Carmenchu Alemán, Eva Díez, Fernando Rey, Iñaki Matilla, Jesús Madriñán, Luis Borges, Juan Manuel Castro Prieto, Juan Rodríguez, Keila Pousa, Luis Otero, Luis Vioque, María Meseguer, Miguel Muñiz, Modesto Martínez, Nicolás Combarro, Roberto de la Torre, Tono Arias, Vari Caramés e Verónica Vicente.

Para enriquecer esta viaxe, a mostra inclúe ademais fragmentos literarios de escritores e escritoras galegas, españolas, portuguesas e internacionais que retrataron con palabras este mesmo camiño e as xentes que o percorreron e o habitan, así como a peza audiovisual Ecos do camiño, creada de maneira exclusiva para esta exposición, con guión de Lucía Laín e producida polo Laboratorio NUMAX. 

A comisaria 

Lucía LaínHistoriadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballa como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e  hemerográficos.

Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis de doce exposicións: Nocturnas, mientras la ciudad duermeEn la cinta del tiempoEl Rostro de las LetrasSantos Yubero ou La Memoria del tiempo (con Publio López Mondéjar) e a documentar producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Granados. El último romántico e Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre) ou Albéniz. El color de la música e Marañón en Toledo de José Luis López Linares, e na escritura de guións como Mariano Fortuny, el universo en una caja.

 
Exposicións