Viraxes: As bandas populares atrévense con circo, teatro e clásica

Viraxes: As bandas populares atrévense con circo, teatro e clásica propón un ciclo de tres espectáculos amenos e diferentes creados por bandas de música de Galicia que en setembro e decembro traen á Cidade da Cultura as súas propostas de experimentación musical.

Nestes tres concertos, as bandas de Valga, Unión Musical de Meaño e Unión de Guláns danlle unha volta ao seu repertorio máis tradicional mesturando a música ao vivo con diferentes xéneros e formatos escénicos, neste caso con teatro, circo e música clásica. Viraxes propón así un plan de sábado no que gozar en familia de propostas artísticas distintas e divertidas que de seguro gustarán tanto ao maiores como aos máis pequenos e pequenas da casa.

Os concertos foron seleccionados na convocatoria Premios Innova, promovida en 2019 pola Federación Galega de Bandas de Música Populares e a Xunta de Galicia a través da Agadic para fomentar a experimentación e innovación no eido musical.