Viraxes: MIB, Músicos In Black | Unión de Guláns & Grupo de teatro Todos Xuntos

Con guión e música orixinal e accesible a todo tipo de públicos, MIB: Músicos In black mestura música e teatro nun relato sobre unha aterraxe alieníxena na aldea galega de Guláns, na que a banda é parte indispensable da vida cotiá. Cando os 'visitantes' tentan roubar a música, os veciños e veciñas loitarán para non deixar que lles quiten a súa identidade, tecendo unha historia sobre a relevancia que unha banda ten nunha pequena aldea e o que implica a súa existencia para a comunidade.

Empregando a música e o teatro como elementos comunicativos, e cunha chiscadela tamén ao cinema, o proxecto promovido pola Unión de Guláns e o grupo de teatro Todos Xuntos mestura estas dúas artes coa finalidade de facer unha reflexión sobre o importante que é valorar a nosa cultura musical. No proxecto colaboran antigos músicos e veciños e veciñas de Guláns, implicando así a toda a comunidade desta pequena aldea de Ponteareas.

Entrada de balde, previa retirada de convite na billeteira do Museo Centro Gaiás a partir do 25 de novembro [máximo 4 entradas por persoa].

Dirixe: Alicia Porto Fernández.

 
Música & Escena