O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), grazas ao convenio de colaboración que mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), desenvolverá unha nova edición do programa Scratch Day.
A VIII edición desta iniciativa, enmarcada no Plan de Talento Dixital de Galicia —Plan DigiTalent—, está orientada a divulgar os valores da programación informática para espertar e fomentar as vocacións tecnolóxicas no ámbito da educación STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics; Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñeira e Matemáticas) desde idades temperás.
Esta nova xornada de aprendizaxe e diversión, que se celebrará o vindeiro 7 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia (Edificio CINC, Salón de Convencións), está destinada a rapazada de entre 6 e 16 anos e os seus pais ou nais, así como o profesorado ou responsables dos centros interesados en introducir o Scratch na docencia.
Ademais de facerse unha introdución ao Scratch a través de diferentes accións levadas a cabo de forma práctica (movemento, lanzamento e interacción de obxectos) e co desenvolvemento dun videoxogo, nesta edición tamén se fará unha introdución ao Microbit —unha pequena tarxeta deseñada para aprender a programar de forma fácil e divertida— vendo algún caso de éxito de aplicacións prácticas levadas a cabo nun centro educativo.
Hai algún requisito para asistir ao evento? Para o taller de rapaces, estes deberán ter entre 6 e 16 anos e virán acompañados dun adulto.
Precísanse coñecementos previos de programación ou Scratch? É recomendable (non indispensable) que os asistentes estean familiarizados coa contorna de Scratch.
É preciso traer algo? Sí, debes traer o teu portátil e usarase tamén o móbil para ler códigos QR. Recoméndase tamén traer auriculares / cascos, xa que traballaremos con música. O portátil preferiblemente cos seguintes programas instalados:
- Scratch que podes descargar dende https://scratch.mit.edu/scratch2download/
- mBlock que podes descargar dende http://www.mblock.cc/download/
Onde podo poñerme en contacto coa organización no caso de ter algunha pregunta? Por correo (scratchday@cpetig.gal) ou no teléfono 981.969.354
























