VII Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco: dúbidas frecuentes

Tes unha idea innovadora para emprender no ámbito das industrias culturais e creativas? Os VII Premios Emprende Gaiás–Sixto Seco, convocados pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, danche o apoio que necesitas para facela realidade.

Envía a túa idea e gaña:
Premio de 3.000€ | Incorporación de balde durante un ano ao CEM Gaiás | Asesoramento personalizado

Cales son os obxectivos dos Premios Emprende Cultura Gaiás – Sixto Seco?

  • Potenciar a realización de proxectos empresariais e impulsar o desenvolvemento de novas ideas no ámbito das industrias culturais.
  • Premiar aqueles emprendedores e emprendedoras que presenten ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo.

A quen se dirixen?

Emprendedores e profesionais independentes do sector cultural: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores, etc. e en xeral calquera outra persoa que queira desenvolver a súa actividade en Galicia, vinculada ao emprendemento cultural e á creación artística ou artesá.

Podo participar se xa creei a miña empresa?

Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física ou xurídica, maior de idade, de calquera nacionalidade, que desexe implantar a súa idea ou desenvolver o seu proxecto dentro do ámbito das industrias culturais e creativas.

Non poderán participar aquelas persoas que teñan iniciado unha actividade empresarial e/ou profesional para a posta en funcionamento da idea emprendedora presentada a concurso, se median máis de seis meses dende o inicio da dita actividade empresarial e/ou profesional. Se creaches a empresa hai menos de seis meses (con respecto á data da adxudicación do premio), si poderías participar.

Tampouco poderán participar as persoas que xa foron premiadas nalgunha edición anterior dos galardóns.

Podo participar en equipo?

Si. Podes presentar a candidatura de maneira individual ou por equipo.

Que tipo de idea podo presentar?

Unha idea emprendedora relacionada coas industrias culturais, que poida encadrarse en áreas como: deseño-ilustración, comunicación, produción, xestión cultural, audiovisual, programación de aplicacións informáticas e de proxectos culturais na internet, ou outras temáticas sempre relacionadas coa cultura e a creación.

Entenderase por “idea emprendedora” aquela proposta que aproveite unha oportunidade real de negocio, así como aquelas solucións creadas para cubrir necesidades do mercado que non están satisfeitas ou que, estando satisfeitas, aporten solucións máis eficaces que as existentes.

Hai varias modalidades de concurso?

Si. Cando presentes a túa idea deberás elixir unha destas dúas categorías:

  • Categoría A: programación de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais na internet.
  • Categoría B: desenvolvemento de proxectos na área do deseño, a xestión cultural e da creación artística e plástica no ámbito cultural.

Cales son os premios?

O premio en cada unha das modalidades será:

  • Premio en metálico de 3.000 euros.
  • Posibilidade de incorporación de balde durante doce meses ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
  • Asesoramento personalizado durante ese tempo e titoría para desenvolver o proxecto.

Que documentación teño que achegar?

Formularios dos Anexos I, II e III da convocatoria debidamente cumprimentados –ademais da documentación sinalada nestes anexos–. Ten en conta que xunto coa solicitude, deberás presentar a documentación acreditativa de todas as persoas implicadas no proxecto e unha memoria na que se explique de maneira detallada en que consiste a idea emprendedora, o plan de viabilidade para facela realidade, o valor engadido que achega ao ámbito cultural e creativo en Galicia e unha descrición do grupo de traballo, destacando a súa experiencia previa e formación. Podes descargar e consultar os formularios na web www.cidadedacultura.gal ou na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Como presento a solicitude?

Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes, de xeito presencial ou por correo postal, no Rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Cando se van coñecer os gañadores?

Os proxectos gañadores daranse a coñecer publicamente na gala de entrega dos Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco, que se celebrará o 21 de novembro de 2019. Se o teu proxecto resultase galardoado, porémonos en contacto contigo previamente a través dos datos de contacto que achegues coa túa solicitude.

Sigo tendo dúbidas!

Antes de enviar a candidatura, recomendámosche que consultes as bases e toda a información dos premios na web da Cidade da Cultura de Galicia www.cidadedacultura.gal. Tamén podes porte en contacto connosco a través do email cem@cidadedacultura.org.