A terra do ouro branco. Ourivería galaica na Europa do seu tempo

A Cidade da Cultura exhibe en A terra do ouro branco unha das maiores coleccións de ouro antigo do noroeste peninsular, con máis de 160 pezas procedentes de ata 28 museos e institucións. A exposición abrirá ao público na tarde do venres 20 de novembro no andar 2 do Museo Centro Gaiás.

A mostra reúne torques e outras xoias prerromanas —como diademas, arracadas, brazaletes ou aros de cabelo—, con esculturas e obxectos relacionados co traballo do ouro, así como audiovisuais, ilustracións e animacións que permiten entender non só a artesanía dos pobos galaicos, senón tamén os usos sociais e rituais que lle daban a estas pezas.

Será a ocasión para ver en primicia en España os dous torques ourensáns e o singular torque de Sintra pertencentes á colección do British Museum, ou unha das réplicas do extraordinario caldeiro danés de Gundestrup, que conecta a simboloxía galaica co norte de Europa. Tamén se exhiben ao público por primeira vez os inéditos torques de Bergondo, achados en 2023 nunha finca particular.

O ouro branco, denominado así polo xeógrafo grego Estrabón debido á elevada presenza de prata mesturada co metal, era un recurso outrora moi abundante nas terras que abarcaban Galicia, o norte de Portugal ata o río Douro, Asturias e o occidente de Castela e León. O seu uso nestas sociedades remóntase ás primeiras etapas da metalurxia prehistórica, hai 4.500 anos, e foi evolucionando ata o seu contacto con Roma.

O brillo que nos fala

Comisariada polo director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), Xosé-Lois Armada, e apoiada nas máis punteiras investigacións arqueolóxicas dos últimos anos, a mostra traza a evolución da ourivería antiga e a súa influencia ata os nosos días. Deseños prehistóricos, como espirais e trísceles, convertéronse en emblemas identitarios e inspiración para artesáns actuais, pero tamén os achados fortuítos e a busca de tesouros dos galaicos deron lugar a múltiples lendas e tradicións orais.

Deseños prehistóricos, como espirais e trísceles, convertéronse en emblemas identitarios e inspiración para artesáns actuais, pero tamén os achados fortuítos e a busca de tesouros dos galaicos deron lugar a múltiples lendas e tradicións orais.

Conectar co pasado desde o ceo: o arqueoplanetario

A terra do ouro branco aposta por integrar de maneira pioneira a tecnoloxía a través da instalación dun arqueoplanetario que recrea as relacións entre eventos astronómicos do pasado e a localización dalgúns dos conxuntos de ourivería antiga máis importantes de Europa, como o tesouro de Caldas de Reis, o casco de Leiro ou a diadema de Moñes.

A partir de fotografías e modelos dixitais, o arqueoplanetario permite a visualización de imaxes panorámicas e envolventes de contornas edificadas, paisaxes e o ceo, creando simulacións realistas e inmersivas de observación.

Trátase dunha instalación pioneira en Europa e inédita ata hoxe en exposicións de temática arqueolóxica que conecta o pasado co presente e afonda na importancia que os astros, especialmente o sol, tiñan á hora de configurar os mitos e ritmos da vida na antigüidade.