Técnica e artes do gravado

A Biblioteca de Galicia presenta a exposición Técnica e arte do gravado, un percorrido didáctico polas técnicas históricas do gravado, a través dos grandes artistas internacionais, nacionais e galegos que na longa historia desta arte dedicáronse nalgún momento a elas.

A exposición pretende abarcar só as técnicas denominada históricas, que son as desenvoltas ata 1800, aínda que utilizadas na actualidade: xilografía e gravado en relevo, gravado en oco e litografía (en liñas xerais).

A exposición distribúese en cinco seccións:

  • A primeira onde se expoñen matrices en relevo, oco e litográficas, algunhas cos gravados realizado a partir delas. 
  • A segunda dedicada ao gravado en relevo presenta obras como o Liber Chronicarum, posiblemente un dos máis fermosos incunables onde participou Durero, un Dante con xilografías renacentistas, as Décadas de Tito Livio (o máis fermoso libro ilustrado de España do XVI) e dúas xoias galegas, a Palinodia impresa en Ourense e o Aerarium Commune de Agustin de Paz, coa súa famosa marca de impresor. Unha selección de estampas xaponesas en madeira. Obras de gravado en contrafebra, con obras de Doré, Bewick, ou os galegos Modesto Brocos, Mayer, ou Carretero. Gravado moderno en relevo, con obras de Masereel, Atkinson, Castelao, Maside ou Seoane, ou dos linoleístas Sobrino Buhigas, Pintos ou Torres.
  • A terceira parte dedícase ao gravado en oco, e conta con augafortes ou augatintas de Rembrandt, Victor Hugo, Corot, Goya, Picasso, e galegos como Prado Mariño, Castro Gil, Prieto Nespereira ou Méndez.
  • A cuarta refírese á litografía, conta con exemplos de ToulouseLautrec, Fantin-Latour, Manet, OdilonRedon, ou de galegos como Laxeiro.
  • A última, versa sobre as diferentes funcións do gravado, inclúe con exemplos de Quessada, Alfonso Costa, e dos obradoiros de Rubens e de Van Dick, entre outras moitas obras e nomes de importancia na evolución do gravado.

Todas as obras expostas son gravados orixinais (non se trata de reproducións) e proceden na súa maioría da colección da Biblioteca de Galicia. Hai importantes préstamos do Museo Massó (os incunables entre outros) da Biblioteca do Mosteiro de Poio (os dous impresos galegos do século XVI), da Catedral de Santiago (dous cobres e una pedra litográfica), do Seminario de San Martiño (una madeira de Mayer), do Museo de Artes en Ribeira, da Fundación Prieto Nespereira, da Biblioteca Pública de Pontevedra e de coleccións privadas.

 
 
Exposicións